COMUNICADO DE XEFATURA DA POLICIA LOCAL DE LUGO

Servizos destacados durante a fin de semana do 11 ao 13 de marzo/22

 
Luns, 14 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Menor conducindo un turismo (Delito contra a seguridade viaria)

Sobre as 00,15 horas do día 13 de marzo/22 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación dun vehículo pola Avenida da Coruña,  á altura da rúa Paulo Fabio Máximo, sen ningún tipo de iluminación.

Ao decatarse da presenza do vehículo policial, o condutor realiza un xiro cara a unha vía que leva a un escampado, estacionando inmediatamente o vehículo e baixándose de forma precipitada, sendo interceptado polos axentes que proceden á súa identificación, comprobando que se trata dun mozo de 17 anos que CARECE de calquera autorización administrativa para conducir vehículos, sendo trasladado ao seu domicilio para poñer estes feitos en coñecemento dos seus pais e posterior traslado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

Filtros de seguridade viaria

Durante esta fin de semana, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, intensificaron os controis de alcoholemia e drogas, destacando as seguintes intervencións:

- Ás 3,18 horas do día 12 dáse o “alto” a un vehículo na Praza Fonte do Rei, observando que o condutor inxerira bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,34 mg/ l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

- Ás 5,00 do mesmo día detéctase a circulación irregular dun vehículo pola avenida de García Portela, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,52 mg/ l., abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

- Ás 22,45 horas o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase a  Camiño Real xa que se produciu un accidente de circulación onde un vehículo choca contra dous turismos estacionados, resultando con feridas leves un pasaxeiro, observando que este condutor presenta signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 1,29 mg/ l. (máis de CINCO veces a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Inspección de locais de hostalería

Por axentes do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizouse inspección en varios establecementos de hostalería da cidade, levantando acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas ao detectar un establecemento situado en cálea Pintor  Villamil que exercía a súa actividade sen licenza ou autorización administrativa de funcionamento.

Auxilio a cidadáns

Sobre as 00,50 horas do día 12 de marzo/22 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na rúa Santiago confluencia coa rúa Ciudad de Viveiro unha muller de mediana idade tombada na beirarrúa que trata de incorporarse, pero debido ao seu estado de embriaguez non o conseguía.

Os axentes proceden a auxiliala, levantándoa e ao solicitar os servizos sanitarios, négase a ser asistida por persoal facultativo, polo que se pescuda o seu domicilio e no propio coche patrulla trasládaselle á súa vivenda onde se fai cargo a súa parella.

Ruídos en vivenda

Sobre as 00,25 horas do día 13 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edifico da Avenida da Coruña xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda, que lles imposibilita o descanso.

O denunciante manifesta aos axentes que desde as 22,00 horas está a soportar ruídos de música en ton moi elevado e berros continuos, procedendo á identificación do responsable, o cal manifesta que están reunidos un grupo de amigos pero que xa finalizaron e abandonan o edificio, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas