A concellería de Medio Ambiente incrementa os medios e o persoal do servizo de limpeza durante o San Froilán

O operativo estará composto por unha vintena de medios técnicos e ao redor de 30 operarios e operarias que farán fincapé nas contornas con maior actividade e afluencia de público.

O persoal dotarase de medios eléctricos, para diminuír a emisión de ruidos, e de triciclos para baleirar continuamente as papeleiras e supervisar o percorrido das charangas.

O Concello aumentará o número de colectores e instalará en distintos puntos da cidade 43 cabinas de aseo, 10 delas para persoas con mobilidade reducida.

Venres, 30 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Medio Ambiente incrementa os medios e o persoal do servizo de limpeza durante o San Froilán

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta esta mañá do dispositivo que o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo porá en marcha durante o San Froilán.

O edil destacou que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha elevada presenza de público.

“Xa nestes días previos intensificamos a roza de maleza en rúas e prazas así como nas explanadas nas que instalarán carpas ou atraccións. Tamén se limparon sumidorios e arquetas e substituíronse colectores de carga lateral por outros de carga traseira incrementando os de vidro, especialmente na zona das casetas do polbo, para facilitar a recollida ao tempo que se procedeu á eliminación de pintadas co fin de acondicionar a cidade e que poidamos amosar a nosa mellor imaxe durante as festas patronais”, indicou Miguel Fernández.

O tenente de alcaldesa sinalou que haberá reforzos nos operativos de mañá e tarde e se habilitarán na contorna un maior número de contedores de quita e pon, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo e da praza da Milagrosa, que acolle espectáculos de maxia, alén das localizacións nas que está previsto a celebración de concertos.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e humanos, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá concentracións de xente e acumulación de residuos co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible para garantir que, unha vez finalizadas, non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación”, subliñou o concelleiro.

O responsable de Medio Ambiente fixo fincapé en que o servizo de limpeza se reforzará sinaladamente nas xornadas do 5, 8, 9 e 12 de outubro nas que se agarda unha maior aforo.

“Ecolugo destinará unha vintena de medios técnicos e ao redor de 30 operarias e operarios. Algúns deles irán dotados de triciclos para supervisar continuamente o estado no que se atopan as zonas polas que discorren as charangas e para realizar o baleirado permanente das papeleiras. Contarán, alén, con equipos eléctricos que minoran os niveis de ruído, redundando nunha mellora da calidade de vida da cidadanía pero facilitando tamén que eventos como o Desfile de Gando (venres 7, ás 18:00 horas) se desenvolvan sen incidencias xa que esa menor contaminación acústica evitará que os animais poidan alterarse durante o percorrido”, destacou.

Por outra banda, Miguel Fernández adiantou que dende hoxe quedarán instalados 43 wc’s portátiles, 10 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán a diario.

As cabinas, algunhas delas con ducha, ubicaranse nas Prazas de Santa María (4), Horta do Seminario (5), Avilés (2) e na Mosqueira (2), no patio do Edificio Administrativo do Concello (4), explanada do Pavillón (4), nas Costas do Parque (4), e nas rúas Doutor García Portela (4), Puro Cora (7), e Vila de Foz (3) ademais de na urbanización de Garabolos (4), para o asentamento das caravanas-vivenda dos barraquistas.

 Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o dispositivo de limpeza no San Froilán| Descargar mp3

Noticias relacionadas