Concello e CC As Termas apostan pola innovación empresarial coa segunda edición do Certame Wonderful

A Concelleira de Economía e o Xerente do centro comercial presentaron o concurso, que busca fomentar proxectos innovadores entre empresas ou persoas co fin de lanzar o seu propio negocio

Ana Prieto sinalou que “dende o Concello estamos sempre ao carón de iniciativas como esta que, buscan dinamizar e estimular o tecido empresarial da nosa cidade”

Nesta segunda edición amplíase o número de categorías ás que as persoas interesadas se poden presentar ata o 31 de maio

Martes, 10 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e CC As Termas apostan pola innovación empresarial coa segunda edición do Certame Wonderful

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño e un representante do Grupo PGS, organizador do certame, Manuel de Carlos, presentaron este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a segunda edición do Certame Wonderful. Trátase dunha iniciativa promovida polo Centro Comercial As termas, en colaboración co Concello e dentro das accións de responsabilidade social corporativa de LAR España, para incentivar a innovación entre as empresas ou persoas que teñan unha visión de futuro encamiñada a lanzar o seu propio negocio.

Ana Prieto destacou que “dende o Concello estamos sempre ao carón de iniciativas como esta que, buscan dinamizar e estimular o tecido empresarial da nosa cidade a través da innovación co fin último de xerar riqueza e emprego e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Esteban Patiño agradeceu a colaboración do Concello por “acoller este tipo de proxectos que buscan axudar e dar a coñecer proxectos de innovación, fundamentais para o desenvolvemento social e económico, na fase de inicio, que é a máis comprometida”.

Categorías, premios e prazos

Nesta segunda edición o proxecto Wonderful amplía de 2 a 4 as categorías de participación:

  • Solucións innovadoras para tendas e centros comerciais
  • Solucións innovadoras que melloren a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade
  • Negocios ou tendas innovadoras
  • Ideas innovadoras

As tres primeiras categorías diríxense a empresas ou startups que traballan con innovación nos ámbitos das Smart Cities e do comercio; e a última enfócase á emprendedores universitarios con ideas de negocio innovadoras en calquera ámbito e coa posibilidade de plasmar proxectos de negocio ou mesmo participar mediante os seus traballos de fin de grao.

Os gañadores e gañadoras conseguirán, entre outros, premios como 5.000 euros en metálico, entrevista nun medio de comunicación nacional, acceso a financiamento bancario e investimento privado, axudas de Software e tecnoloxía, consultaría estratéxica, formación, mentorings e cursos de emprendemento. Ademais, os premiados nas categorías de innovación en comercio, participarán no Wonderful Summit 2018, presentando os seus proxectos de negocio no segundo encontro nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail que se celebrará en Xullo.

As persoas interesadas en participar poderán presentar os seus proxectos de negocio ata o 31 de maio a través da páxina web www.proyectowonderful.es

Audio

  • Ana Prieto, sobre a segunda edición do Certame Wonderful | Descargar mp3

Noticias relacionadas