Perusiñas, marca lucense de doces gourmet instalada no CEI Nodus municipal, comeza a sua internacionalización co apoio do Concello

Tras acadar os 160 puntos de venda en España, a empresa con sede no viveiro de empresas municipal, realizou esta semana o seu primeiro envío de galletas a Francia.

Lara Méndez e Mauricio Repetto felicitaron persoalmente a estes emprendedores que “son un exemplo do talento e a competitividade que temos no noso municipio”.

Aitor Castro, Laura Castro e María Suárez instalaronse en maio do ano pasado nun local do CEI Nodus e, dende entón, o proxecto non deixou de medrar, dende a sostibilidade.

Xoves, 09 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Perusiñas, marca lucense de doces gourmet instalada no CEI Nodus municipal, comeza a sua internacionalización co apoio do Concello

As denominadas ‘Perusiñas’ son galletas gourmet elaboradas nun obrador no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello. O executivo de Lara Méndez cedeu un dos locais dos que dispón este vivieiro de empresas municipal aos emprendedores Aitor Castro, Laura Castro e María Suárez en maio de 2022 e, dende entón, o proxecto non deixou de medrar.

A alcaldesa, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro cos xerentes da marca de doces lucenses que, tras acadar os 160 puntos de venta principalmente en Galicia, León, Asturias e Madrid, comeza o seu proceso de internacionalización chegando ao mercado francés. “En concreto, esta mesma semana un camión con 15 palés, 8.100 botes e 280.000 galletas, poñía rumbo a Francia para ser distribuídas por unha cadena de retail en todo o país galo”, explicou a rexedora.

Lara Méndez felicitou persoalmente a estes emprendedores que “son un exemplo do talento e a competitividade que temos no noso municipio”, ao tempo que puxo en valor o apoio do Concello a novas iniciativas e proxectos coma Perusiñas “que xeran valor e riqueza na cidade e contribúen a situarnos no mapa nacional e internacional”.

Pola súa banda, Mauricio Repetto subliñou que “o viveiro de empresas do CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo formento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”.

Finalmente, a rexedora destacou “o compromiso pola sostibilidade da marca Perusiñas, que dende os seus inicios apostou polos produtos e materias primas de proximidade e pola embalaxe sen plásticos, empregando tarros de vidro que poden ser devoltos polos clientes no punto de venta para a súa reutilización, fomentando a retornabilidade do envase e evitando o seu desperdicio”. “Uns valores de respecto ambiental e aposta polo local, que compartimos dende o executivo municipal”, concluíu Méndez. 

Audio

  • O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sobre a internacionalización das Perusiñas | Descargar mp3

Noticias relacionadas