Paula Alvarellos pon en valor o talento e a competitividade lucense nun encontro coas e cos emprendedores dos viveiros municipais

A rexedora compartiu un almorzo, no que tamén participu o alumnado do obradoiro ArquivaLugo, para coñecer de primeira man as iniciativas e proxectos que se están a desenvolver co apoio do Concello.

“A axuda ao emprendemento é un piar fundamental  da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego e fixar poboación”, sinalou a alcaldesa.

Na actualidade, unha vintena de proxectos desenvolven a súa actividade no viveiro do CEI e outros seis no da Tinería. A porcentaxe de supervivencia histórica das iniciativas acollidas nestas incubadoras supera o 75%.

Xoves, 08 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos pon en valor o talento e a competitividade lucense nun encontro coas e cos emprendedores dos viveiros municipais

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro esta mañá con emprendedores e emprendedoras do viveiro de empresas do CEI-Nodus para coñecer de primeira man as iniciativas e proxectos que están a desenvolver nestas instalacións municipais. A rexedora destacou a aposta do Concello polo emprendemento local, “en Lugo temos talento e proxectos innovadores aos que damos soporte dende o Executivo apoiando o seu despegue con asesoramento gratuíto e mediante a cesión de locais nos que levar a cabo a súa actividade”.

“Actualmente contamos cunha vintena de proxectos no viveiro do CEI e outros seis no da Tinería, que son boa mostra deste talento”, apuntou Alvarellos quen puxo como exemplo a empresa Perusiñas, liderada polos lucenses Aitor e Laura Castro, dedicada á comercialización de doces gourmet, “que se instalou no CEI-Nodus en maio de 2022 e, en menos de dous anos, xa iniciou un proceso de internacionalización tras acadar os 160 puntos de venda en España”.

Alvarellos, que visitou por primeira vez o Centro de Empresas e Innovación municipal dende que asumiu a Alcaldía do Concello de Lugo, puxo en valor este servizo, que ao longo dos seus 20 anos de funcionamento leva contribuído ao desenvolvemento de máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%.

“A determinación e a capacidade de emprender amosada polas empresas que forman parte destes viveiros empresariais municipais conta co soporte total deste Goberno local. O apoio ao emprendemento é un piar fundamental  da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego e fixar poboación nova. Queremos que Lugo siga sendo unha cidade de oportunidades”, subliñou a rexedora.

Na reunión desta mañá tamén participaron emprendedores e emprendedoras do viveiro da Tinería, recentemente renovado, coa posta a disposición por parte do Concello de seis locais comerciais en condicións de aluguer moi vantaxosas e que foron ocupados por un taller de artesanía, outro de deseño e confección de traxes de noiva, un laboratorio de análisis de augas, un estudo de uñas, unha tenda de produtos personalizados e un establecemento especializado en bicicletas.

Así mesmo, Alvarellos Fondo interesouse polo progreso do alumanado do obradoiro dual de emprego ‘ArquivaLugo’, posto en marcha polo Executivo municipal e a través do cal 20 lucenses que se atopaban desempregados están a recibir formación en tres especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, con 8 alumnos participantes; Confección e publicación de páxinas web, con 6 alumnos participantes; e Deseño de produtos gráficos, con 6 alumnos participantes.

A alcaldesa desexoulles moito éxito na súa formación e tendeulles a man para, unha vez finalizada, poñan en marcha os seus propios proxectos, ofrecéndolles o apoio do Concello.  O obradoiro comezou a finais de novembro de 2023 e terá unha duración dun ano. Os alumnos-traballadores están remunerados co salario mínimo interprofesional.

Multimedia

  • Paula Alvarellos pon en valor o talento e a competitividade lucense nun encontro coas e cos emprendedores dos viveiros municipais

Noticias relacionadas