Dez rapaces crean un horto urbano no entorno da Casa da Xuventude grazas a un curso do Concello

Lara Méndez mantivo un encontro cos participantes do curso teórico-práctico de horto urbano organizado pola entidade local no marco do programa +Xti, que rematará en setembro

Venres, 28 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Curso Horto Urbano da Casa da Xuventude

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres un encontro cos 10 rapaces e rapazas que están a crear un horto urbano no entorno da Casa da Xuventude, grazas ao curso teórico práctico sobre esta materia que arrancou o pasado luns na Casa da Xuventude e que terá lugar ata mediados de setembro. Trátase dun obradoiro organizado polo Concello no marco do programa +Xti de 60 horas de formación, 20 de teoría e 40 de práctica.

Durante a visita, Méndez sinalou que “o Concello pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de potenciar as zonas verdes da cidade e impulsar os produtos autóctonos”. Neste senso, a rexedora destacou a importancia dos hortos urbanos, “unha oportunidade de socialización que ao mesmo tempo serve para manter vivos os métodos da agricultura tradicional e facer aínda máis verde a nosa cidade”.

A rexedora avogou ademais por “traballar por un entorno sostible, no que a realidade urbana e rural vivan en harmonía”, xa que contribúe a facer fronte á perda de poboación, ao desenvolvemento da cidade e á creación de emprego.

Os participantes do curso de lecer saúdable de horto ubano, dunha idade media de 20 anos, comezaron esta mañá coas primeiras plantacións de leituga. Ao longo do curso cultivarán brócoli, coliflor, nabos ou repolo, entre outros. Ao remate, os alumnos obterán un diploma acreditativo da súa participación e aproveitamento e logo, no Nadal, os participantes poderán recoller as colleitas para o seu autoconsumo.

Noticias relacionadas