Entran en funcionamento as sinais con luces led en tres pasos de peóns da cidade para mellorar a seguridade viaria

Os indicadores quedaron instalados nas inmediacións dos colexios Luis Pimentel e Divino Maestro, e no cruce da Avenida da Coruña con Ramiro Rueda

O Concello inviste máis de 10.000 euros nesta iniciativa, coa que responde ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos

Luns, 15 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta semana entraron en funcionamento as sinais luminosas de tecnoloxía led e detectores de presenza que o Concello instalou en tres pasos de peóns da cidade, co fin de mellorar a visibilidade e con elo a seguridade viaria. Estas sinais contan con placas solares e sensores de movemento, de tal xeito que os pasos se iluminan cando os peóns se aproximan a cruzar. Tamén dispoñen de sensores de movemento adaptadas a persoas con diversidade funcional.

Con esta iniciativa, dotada con máis de 10.000 euros, o Concello dá resposta ás peticións realizadas polos veciños nos Orzamentos Participativos.

Os pasos nos que se sitúan as sinais luminosas non se atopan regulados por semáforos e foron establecidos polo Gabinete de Tráfico da Policía Local en coordinación coa Alcaldesa, tendo en conta a proximidade a centros escolares e nunha vía de alta densidade de circulación, como é a Avenida da Coruña.

Deste xeito, xa entraron en funcionamento as sinais luminosas nas inmediacións dos colexios Luis Pimentel e Divino Maestro, nas rúas Gallego Tato e Portugal, respectivamente, por onde accede o alumnado a estes centros escolares, así como no cruce entre a Avenida da Coruña e a rúa Ramiro Rueda.

A colocación das sinais luminosas en pasos de peóns é unha experiencia piloto, á que o Concello estudará darlle continuidade ampliándoa a máis zonas da cidade.

Noticias relacionadas