Lara Méndez clausura os XIV Cursos de Verán de Educación Vial, nos que participaron 133 rapaces

Esta actividade amplamente consolidada, que organiza o Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, busca fomentar a aprendizaxe de hábitos de convivencia e respectar as normas de seguridade viaria

Mércores, 29 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, clausurou este mércores os XIV Cursos de Verán de Educación Vial, que, coa participación de 133 rapaces, se desenvolveron no Parque Infantil de Tráfico (PIT) dende o 29 de xuño ao 24 de xullo. Esta actividade amplamente consolidada, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, busca fomentar a aprendizaxe de hábitos de convivencia e respetar as normas de seguridade viaria. No acto estivo presente a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, e outros representantes da Corporación municipal.

Durante a clausura dos cursos, a Alcaldesa, quen entregou os diplomas aos participantes, fixo fincapé na importancia destas actividades, que “introducen no ámbito educativo o concepto de seguridade vial, fomentan entre os máis cativos os bos hábitos na vía pública e promoven a prevención de accidentes, ao tempo que os rapaces se inician no mundo da circulación da man de bicicletas, karts ou ciclomotores”.

Lara Méndez resaltou o compromiso do Concello coa educación viaria. “Comprometémonos na preparación dos máis cativos, dos viandantes de hoxe e dos condutores de mañá. Que os rapaces coñezan e respecten as sinais e normas de tráfico é imprescindible para mellorar a seguridade viaria”, sinalou a Alcaldesa.

Un total de 133 rapaces participaron nestes cursos, dirixidos a mozos de entre os 8 e os 14 anos para kart e bicicleta, e entre os 15 e 16 para ciclomotor. Os participantes, agrupados por idade, recibiron formación teórica e práctica durante máis dunha semana.

Noticias relacionadas