Lara Méndez destaca o talento deportivo local na presentación da XXXVII Copa Galicia de Baloncesto que a cidade acolle esta fin de semana

A rexedora destacou o compromiso do Executivo local por fomentar o deporte base e puxo en valor o traballo de todo o tecido deportivo e asociativo lucense por desenvolver esta tarefa en cada barrio.

A alcaldesa agradeceu a implicación dos organizadores para facer posible que Lugo viva unha fin de semana repleta de actividades deportiva alén da competición de elite.

“É preciso avanzar en materia de igualdade no mundo do deporte, xa que, visto os últimos acontecementos, comprobamos que sigue sendo tremendamente necesario”, reivindicou.

Xoves, 14 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca o talento deportivo local na presentación da XXXVII Copa Galicia de Baloncesto que a cidade acolle esta fin de semana

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou esta mañá na presentación da XXXVII Copa Galicia de Baloncesto a extraordinaria concentración de talento deportivo que atesoura a cidade. A rexedora mostrou a súa satisfacción por que Lugo sexa de novo sede da máxima competición do baloncesto galego. “A historia de Lugo está  vencellada a historia deste deporte e de todos os clubs lucenses que teñen, obviamente, no Río Breogán a culminación de esa paixón pola canastra que se respira nas nosas rúas”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa agradeceu a implicación dos organizadores para facer posible que Lugo viva unha fin de semana repleta de actividades deportiva alén da competición de elite. “Quero agradecer a APSX Sagrado Corazón a súa implicación na organización desta Copa de Galicia, estamos convencidos de que sen a súa perseveranza non sería posible gozar deste marabilloso fin de semana de baloncesto en Lugo. Agradecer tamén a disposición da Federación e a implicación de todas as administracións e do Río Breogán por facer posible este evento. Estamos seguros de que imos gozar dunha fin de semana de baloncesto incrible. No só no Pazo, cos partidos dos que poderemos gozar, se non ao longo de toda a cidade coas competicións de 3x3 na súa contorna e o curso intensivo para adestradores e adestradoras”, sinalou Méndez, que destacou a notable presenza feminina nesta xornada formativa.

De feito, a alcaldesa reivindicou unha maior igualdade no ámbito deportivo. “Contamos con excelentes deportistas, pero tamén adestradoras e dirixentes de clubs. É preciso avanzar en igualdade no mundo do deporte, xa que, visto os últimos acontecementos, comprobamos que sigue sendo tremendamente necesario”, apuntou.

Durante a súa intervención, Méndez destacou o compromiso do Executivo local por fomentar o deporte base.  “Creemos que é fundamental para o noso futuro como sociedade potenciar as habilidades da xente nova en cada barrio. Para iso contamos co traballo e coa colaboración de todo o tecido deportivo e asociativo da cidade que fan un labor incrible coa mocidade. En cada barrio hai un colectivo disposto a facer sociedade, a facilitar a inclusión e a socialización, a través do deporte. Desde o Concello intentamos atender as súas demandas” concluíu a alcaldesa, antes de desexar sorte aos catro equipos participantes.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación da XXXVII Copa Galicia de Baloncesto | Descargar mp3

Noticias relacionadas