Lara Méndez e Diego Muñoz, representante de Jorge Prado, avanzan no proxecto de creación dunha pista de motocross en Teixeiro

Xoves, 22 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Diego Muñoz, representante de Jorge Prado, avanzan no proxecto de creación dunha pista de motocross en Teixeiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, mantiveron un encontro este xoves no Concello con Diego Muñoz, organizador da proba do Campionato do Mundo de motocross en España e representante do piloto lucense Jorge Prado. A rexedora trasladoulle o proxecto do goberno municipal para habilitar unha pista de motocross en Teixeiro, que será bautizada co nome do campión lucense.

Neste senso, Muñoz compartiu os seus coñecementos e ideas sobre como debería ser o deseño do circuito para que, nun futuro, poida albergar algún campionato nacional. Así mesmo, unha vez concluída a recepción no Concello, visitaron os terreos nos que está prevista a creación da pista e puideron coñecer in situ a localización do mesmo asi como recabar datos para a creación do futuro circuito de motocross. O mánager de Jorge Prado entregou como agasallo á rexedora unha camiseta do piloto co número 61 á espalda.

Aos seus 19 anos, Prado é un dos máximos referentes do deporte lucense, contando no seu palmarés con dous campionatos do mundo na categoría MX2, un europeo en 125 c.c. e un mundial en 65 c.c. Actualmente compite co equipo KTM na categoría raíña do motrocross (MXGP).

Noticias relacionadas