Lara Méndez implica á mocidade no deseño do futuro do municipio a través do reto “Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir”

Esta iniciativa enmárcase na celebración do Tour do Talento en Lugo, que terá lugar do 2 ao 7 de maio, organizado polo Concello de Lugo e a Fundación Princesa de Girona.

“Buscamos incentivar a participación dos mozos e mozas lucenses, a través das súas ideas e propostas, ao mesmo tempo que se difunde a cultura emprendedora”, apuntou.

As e os interesados en participar no reto deberán enviar un correo electrónico a tourdotalento@alcaldia.gal. As bases e toda a información atópanse na web de Xuventude.

Xoves, 20 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez implica á mocidade no deseño do futuro do municipio a través do reto “Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves no obradoiro formativo organizado polo Concello no CEI Nodus, enmarcado na celebración do Reto do Tour do Talento: “Lugo, a cidade que imaxinas e na que queres vivir”. A través desta inciativa a rexedora busca implicar á mocidade no deseño do futuro do municipio, mediante a presentación dun proxecto que teña por obxecto mellorar a vida das persoas na cidade de Lugo, crear unha sociedade máis participativa  e fomentar o emprendemento xuvenil.

“Aproveitando a chegada do Tour do Talento a Lugo, a semana do 2 ao 7 de maio, quixemos poñer en marcha un certame co que incentivar a participación activa dos mozos e mozas lucenses, a través das súas ideas e propostas, ao mesmo tempo que se difunde a cultura emprendedora e se motiva o seu contacto coa sociedade local en todos os niveis, social, político, laboral ou económico”, explicou Méndez.

Este taller preparatorio celebrado no CEI Nodus serviu para dotar aos inscritos no reto das ferramentas necesarias para defender as súas propostas, que se resolverán en dúas fases: unha primeira fase de presentación de proxectos en cada un dos Centros de Formación e selección da mellor proposta, os días 27 e 28 abril; e unha segunda fase, a final, que se celebrará o venres 5 de maio, na carpa instalada na Praza Horta do Seminario, con motivo do Tour do Talento.

A xornada deste xoves comezou cunha charla a cargo de Leticia Prada López, colaboradora de Estudios Rafer, na que falou sobre a importancia de formarse en competencias, cada vez máis especializadas, para garantizar que os postos de traballo vacantes sexan ocupados, ao tempo que expuxo aos asistentes as claves para presentar con éxito un proxecto, de cara á preparación do reto do Tour do Talento.

Reto “Lugo, a cidade que imaxinas e na que queres vivir”

A  temática do reto é libre: desenvolvemento local e/ou económico, mobilidade, urbanismo, medio ambiente, sustentabilidade, economía circular, vivenda, emprego, lecer, mocidade, deportes, tecnoloxía, emprendemento, innovación, conectividade, etc. O formato de presentación será oral seguindo a técnica de presentación 20×20 (Pechakucha) cun máximo de 20 diapositivas en 20 segundos por equipo, con quendas para preguntas do xurado.

Poderán participar alumnado de IES e CIFP (deberán formar un equipo de 3 alumnos/as máis un profesor/a) e menores de 35 (non vinculados a ningún centro formativo e que non participen en ningún equipo de centro de formación).

No caso do primeiro grupo (IES e CIFP) cada centro seleccionará un semifinalista que levará á gran final. No segundo grupo (menores de 35), un xurado designado pola organización do Tour del Talento seleccionará o grupo semifinalista.

As e os interesados en inscribirse deberán enviar un correo electrónico a tourdotalento@alcaldia.gal que inclúa:  nome do proxecto; número de teléfono e enderezo electrónico de contacto; así como presentación con información do proxecto. A información deberá enviarse en formato PDF. Deberá conter polo menos os seguintes apartados: Equipo, Introdución, Problema detectado, Solución e Medios necesarios para conseguilo.

O equipo gañador recibirá un premio tecnolóxico consistente en tres iPhone 14 (un por participante) e un diploma de recoñecemento para o instituto ou entidade. As bases completas poden consultarse no enlace: https://formulario.xuventudelugo.gal/

Tour do Talento

Lugo será unha das cinco cidades anfitrioas seleccionadas para a celebración da segunda edición do Tour do Talento, unha iniciativa promovida pola Fundación Princesa de Girona (FPdGi) para impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país. En concreto, a capital luguesa acollerá entre o 2 e o 7 de maio unha das paradas desta xira, durante a cal se anunciará, así mesmo, o gañador do Premio de Investigación Científica que outorga esta Fundación.

Multimedia

  • Lara Méndez implica á mocidade no deseño do futuro do municipio a través do reto “Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir”

Noticias relacionadas