Lara Méndez: “A madeira é un dos materiais que marcarán o futuro do urbanismo sostible, polo que Lugo aposta desde hai anos”

A alcaldesa de Lugo inaugura un curso organizado por Pemade, con cen participantes, que aborda a construción do Impulso Verde, os criterios das Passivhaus ou o aforro enerxético

Destacou o nacemento da empresa Xilonor, a primeira galega que traballará a madeira contralaminada, “herdeira da investigación levada a cabo desde o LIFE Lugo +Biodinamico

A rexedora apuntou que “con estas accións queremos dar a coñecer os beneficios que ten para a cidadanía e o medio ambiente a construción con madeira contralaminada, promovendo o seu uso no deseño dos edificios do futuro”

Xoves, 19 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A madeira é un dos materiais que marcarán o futuro do urbanismo sostible, polo que Lugo aposta desde hai anos”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este xoves o curso online Construcción con madeira contralaminada (CLT), organizado por PEMADE, co apoio do Concello e a colaboración de Xilonor (fabricante de CLT). Esta actividade, que se desenvolverá ao longo de tres días e no que participan un centenar de persoas, abordará temas como a construción do edificio Impulso Verde, os criterios das Passivhaus ou o aforro enerxético da construción con madeira e as súas especificacións técnicas. Na apertura do curso tamén participaron a Concelleira e Deputada Provincial, Ana Abelleira; a vicerreitora de coordinación do Campus Terra, Montserrat Varcácel; o director de PEMADE, Miguel Guaita; e o coordinador de formación de Xilonor, Constante Fontán.

 A actividade enmárcase no proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, impulsado polo Goberno de Lara Méndez, co obxectivo de diseñar tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático. Neste proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través de Fondos FEDER, o Concello está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidad Politécnica de Madrid (UPM).

O obxectivo do curso é poñer en valor os novos modelos de construción eficiente e sostible e dar a coñecer, da man dos expertos do Campus Terra e de profesionais do sector a nivel internacional, os proxectos, ensaios e avances que a investigación e o desenvolvemento da construción con madeira contralaminada achegan ao presente e ao futuro da edificación.

Neste senso, a rexedora apuntou que “a madeira adquire un especial protagonismo ante a actual situación, na procura de espazos sostibles, saudables e confortables, e cremos que será sen dúbida, un dos materiais que marquen o futuro das vivendas, as cidades e a nosa contorna”. “En Lugo, como sabedes, estamos a apostar desde hai anos por este recurso natural como principal elemento para o deseño dos edificios e cidades do futuro, co fin de promover un desenvolvemento urbanístico sostible e, ao mesmo tempo, introducir un novo modelo productivo con alta capacidade para crear emprego e fixar poboación”, lembrou.

Destacou tamén o nacemento da empresa Xilonor, a primeira planta galega que traballará a madeira contralaminada. “É unha moi nova a creación desta empresa, herdeira e que segue a estela da investigación de madeira contralaminada que levamos a cabo desde o LIFE”.

Pola súa parte, Ana Abelleira, destacou que o curso segue a liña da institución provincial de impulsar o aproveitamento da madeira como elemento estrutural construtivo e a produción enerxética, potenciando as zonas verdes e mellorando os aspectos paisaxísticos, ao tempo que se reducen as emisións de dióxido de carbono e os efectos do cambio climático. “Con esta formación impulsamos o sector forestal da provincia, tanto a nivel dos produtores, pois ábrense novas saídas para o produto e increméntase o seu valor engadido, como da industria da madeira”, engadiu Abelleira.

Así mesmo, puxo en valor as sinerxias entre Deputación e Concello para desenvolver grandes proxectos como o LIFE Lugo+Biodinámico, “que benefician aos veciños e veciñas da provincia a través dun modelo sostible e respectuoso co medio ambiente, capaz de xerar novos postos de traballos e dinamizar a economía”.

A madeira  contralaminada ou  CLT é un produto composto por varias capas de madeira pegadas lonxitudinal e transversalmente, que achega todas as vantaxes da madeira maciza ao mesmo tempo que acurta os prazos da construción, polo que resulta un produto sostible que proporciona un gran illamento das altas e baixas temperaturas e contra o lume. A madeira  contralaminada permite desenvolver elementos de cuberta, forxados e muro que cumpren tanto cos criterios estruturais do código técnico da construción, como cos principios da construción de alta eficiencia enerxética, xa que regulan a humidade e crean ambientes interiores confortables.

Noticias relacionadas