Lara Méndez: "A Milagrosa será en 15 anos un modelo de urbanismo como o é hoxe de convivencia en todo o país"

"Somos un barrio de Lugo. Nin máis, nin menos. Non somos todo Lugo, pero si que somos o seu corazón. Lugo non existiría e non sería o mesmo sen os milagrosistas e as milagrosistas"

"Está claro como se consegue que a xente estea na rúa: recuperando espazos para os veciños e veciñas; humanizando eses espazos, dándolles calidez, facéndoos acolledores"

"Iso é o que quero para o barrio e para a cidade: que recuperemos máis e máis espazos para a cidadanía. Farémolo coa Praza da Milagrosa, onde vamos a investir todos os lucenses para estender a peonalización dende  Divina Pastora"

"A Milagrosa é un gran barrio: pola extensión xeográfica, polo número de habitantes, polo dinamismo social e económico, pola súa historia, pero, ante todo, polas xentes que aquí viven"

Xoves, 31 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: "A Milagrosa será en 15 anos un modelo de urbanismo como o é hoxe de convivencia en todo o país"

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ofreceu este xoves o pregón inaugural das Festas da Milagrosa, que ao longo de sete días, ata o mércores, 6 de setembro, ofrecerá actividades para todos os gustos e idades. Méndez, quen lle agradeceu aos sete organizadores dos festexos que pensaran nela para ser pregoeira no seu barrio "excepcional e sobranceiro", amosouse convencidada de que A Milagrosa será un exemplo de urbanismo dentro de 15 anos como o é hoxe de convivencia para toda a cidade, a provincia, a comunidade, e para todo o país.

Membros da Corporación municipal, da asociación organizadora das nosas festas, veciños e veciñas da Milagrosa, visitantes, amigos e amigas… Boas tardes a todos e todas, e boas festas!!

Teño que comezar dando as gracias. Moitas gracias, de corazón, aos organizadores, con Magín á cabeza, pero tamén a Miriam, Pablo, Ángel, Florencio, Antonio e Abel, por outorgarme a inmensa honra de ser a pregoeira das Festas da Milagrosa 2017, as festas do meu barrio, unhas festas que teñen un significado moi especial para min, no plano persoal e no institucional, e que, por suposto, este ano vivo con maior intensidade e emoción.

Se ser Alcaldesa da cidade na que vives, na que tes a túa familia e na que, en definitiva, desenvolves o teu proxecto de vida é un orgullo, que os teus veciños e veciñas queiran que deas o pregón das festas que con tanto cariño e esforzo preparan durante moitos meses, xa supón un extra de satisfacción, e tamén de responsabilidade, sobre todo, cando pensas que estás collendo o relevo como pregoeira, de persoeiros cun percorrido tan extraordinario en pro deste barrio da Milagrosa e de toda a cidade, como o propio Magín López, Jorge Coira, Xavier Blanco Vilar ou o pregoeiro do ano pasado: o párroco do barrio, José Antonio Ferreira.

Moitas grazas, e moitos parabéns á asociación organizadora por traballar intensamente durante todo o ano para que os veciños e veciñas da Milagrosa, de toda a cidade e de toda a provincia, así como todas as persoas que nos visitan no verán, poidamos disfrutar destas festas, dun amplo e variado programa para todos os gustos e para todas idades, que sempre incorpora novidades e nos sorprende.

Coa vosa dedicación, que dende logo leva consigo moita ilusión e paixón polo barrio da Milagrosa, por darlle vida e tamén dinamismo económico, estades conseguindo que estas festas históricas, que se celebran dende hai máis de 50 anos, vaian rexurdindo e cobrando peso no calendario de citas festivas de Lugo e do resto da provincia.

Veciños e veciñas da Milagrosa, vivimos nun barrio excepcional e sobranceiro.

Alá onde se cruzan os camiños, baixando dende a Avenida da Coruña, collendo á dereita pola rúa Mallorca, para chegar ao Camiño Real. Estamos na Milagrosa. Paseando pola rúa Doctor Yáñez Rebolo, comprando o pan na rúa Menorca, ou percorrendo Xulia Minguillón para comprar nos comercios da gran mazá de Lugo: A Milagrosa.

Somos un barrio de Lugo. Nin máis, nin menos. Non somos todo Lugo, pero si que somos o seu corazón. Lugo non existiría e non sería o mesmo sen os milagrosistas e as milagrosistas. 27.000 persoas que flúen todos os días por toda a cidade, pola provincia, levando alá a onde van o nome do seu Barrio. Cando estamos pola provincia, dicimos que somos de Lugo, pero cando estamos na cidade, dicimos que somos da Milagrosa. É a nosa bandeira e a nosa presentación, e o é por mérito propio.

O Barrio ten olor: Ule a café pola mañá, ule a pan recén feito. Ten son: soa a persiana dun comercio, a xente camiñando para ir traballar, soa a bicos dos pais e nais que, coma min –cando o traballo mo permite- deixamos aos nosos fillos e fillas nos Salesianos ou no Cervantes... O Barrio ten identidade: os bos días da señora María ou do señor Xosé. En definitiva, o Barrio ten vida.

Temos de todo. Case se podería caer no erro de que somos autosuficientes por ter de todo, e a un paso das nosas casas. Temos un comercio variado e de calidade, que mestura tradición, innovación e modernidade. Froiterías, carnicerías, peixerías, librarías, bares, lavanderías, tendas de informática... Tanto de nova implantación, como comercios históricos, que levan funcionando tanto tempo como ten o propio Barrio; un Barrio, unha parroquia, que cumpriu o ano pasado nada menos que o seu 70 aniversario.

Temos unha zona de viños propia, coñecida en toda a cidade e mesmo no resto da provincia pola xenerosidade das súas tapas e pinchos, e pola calorosa atención e servizo. Un dos maiores praceres que existen para min é tomarme algo tranquilamente nas cafeterías da rúa Divina Pastora, aínda que o de tranquilamente, sexa case un eufemismo. A vida desa rúa é enérxica, afable... En definitiva, é viva. Escoitar aos nenos e nenas xogando coa pelota, escoitar a lista de tapas, escoitar as conversas, saúdos e cariños das familias e amigos ao encontrarse ou despedirse, fan o ambiente da rúa un ambiente único, un clima especial.

Está claro como conseguimos ese ambiente e está claro como se consegue que a xente estea na rúa: recuperando espazos para os veciños e veciñas; humanizando eses espazos, dándolles calidez, facéndoos acolledores. A peonalización da rúa supuxo un antes e un despois na vida deste barrio, supuxo que a xente estea na rúa.

Por iso, como nena que se criou na rúa, como veciña que observa e coa gran sorte e honra de ser ademais Alcaldesa, dígovos que iso é o que quero para o noso barrio, e para toda a nosa cidade: que recuperemos máis e máis espazos para a cidadanía, que os nosos nenos e nenas poidan convivir e xogar na rúa, como o fixen eu, e seguro que moitísimos dos que estades hoxe aquí. Farémolo coa Praza da Milagrosa, onde vamos a investir todos os lucenses para estender a peonalización de Divina Pastora ata aquí, ou o que é o mesmo, para estender esa vida, esa actividade, ese bulicio, a máis zonas.

Ser un barrio histórico tamén ten os seus problemas: a historia deixa pegada. Igual que o aire pule as rocas, o tempo pule os nosos edificios, que precisan dun esforzo para integrarse de cheo no século XXI. Precisamos actuacións decididas para mellorar as fachadas, ter ascensores nas casas e seguir tendo zonas verdes coidadas e nas que relaxarse. Necesitamos en Lugo actuacións de choque contra o tempo. Temos unha identidade propia e por iso necesitamos as nosas propias actuacións.

Estou convencida de que seremos un exemplo de urbanismo dentro de 15 anos, como estou convencida de que somos hoxe, e dende hai anos, exemplo de convivencia para toda a cidade, a provincia, a comunidade, e para todo o país.

Mirade, estes días asistimos con tristeza como se pon en cuestión a convivencia entre nacionalidades, como se buscan culpables nos de fóra ante a irresponsabilidade de matar: nós, o pobo galego, que tan ben sabemos o que é vivir fóra, sentirse estranxeiro. Vímolo hai anos en Madrid e vímolo hai dúas semanas en Cataluña. Moitas veces, ante as traxedias, véndennos solucións fáciles e incluso simplistas que rozan a xenofobia. Sen embargo, fronte a esas respostas populistas, ante esas medio verdades, ou directamente, mentiras enteiras, eu penso o mesmo: Canto gañariamos se seguiramos o exemplo de convivencia da Milagrosa! Todo o que quere vivir en convivencia ten cabida no noso Barrio.

Veciños e veciñas, A Milagrosa é un gran barrio: pola extensión xeográfica, polo número de habitantes, polo dinamismo social e económico, pola súa historia, pero, ante todo, polas xentes que aquí viven: ó principio chegadas doutras parroquias e de concellos limítrofes, e hoxe en día, doutros países. Xentes, antes e agora, acolledoras e de carácter integrador.

Somos un barrio de acollida, un barrio de convivencia en paz e harmonía, no que as máis de 90 nacionalidades que temos en Lugo se dan a man para compartir o seu proxecto de vida. Lugo é xa hoxe a patria de todo aquel que vive aquí, e a Milagrosa é para moitos o noso fogar.

Hai moitos anos que este Barrio marcou unha pegada na miña vida. Dende o meu primeiro contacto con el, a finais dos 80, cando pasaba camiñando por aquí para acudir ao centro de estudos que me formou -o instituto Ánxel Fóle-. Xa naquel momento, se me perdía ou non daba atopado o lugar ao que ía, todos, a señora María, o señor Xosé... con moita amabilidade, se paraban e me indicaban como chegar. Na etapa universitaria, A Milagrosa foi tamén para min un lugar de ocio, de diversión. Co paso dos días e dos anos, funme familiarizando co barrio, coa súa vida, vendo o seu dinamismo económico e social. Froito de todos eses momentos que vivín, desa vinculación coa Milagrosa, escollín este Barrio como lugar de residencia para a miña familia.

Veciños e veciñas, amigos e amigas: Como veciña, como Alcaldesa, e como pregoeira das Festas da Milagrosa 2017, o que, como dixen en días pasados, para min supón un gran orgullo e tamén responsabilidade, teño que invitarvos a desfrutar ao máximo destas festas, en familia e cos amigos, e convidarvos a vir sempre á Milagrosa. Aquí estaremos, cos brazos abertos, para recibirvos e seguir facendo barrio, cidade, como estamos facendo día a día.

Polo tanto, grazas!! e Boas Festas!!

E VIVA A MILAGROSA!!!

Noticias relacionadas