Lara Méndez reivindica en Piñeiros’23 o liderado de Lugo na aplicación de políticas municipais sostibles

A rexedora moderaba esta mañá unha das mesas principais da terceira edición do foro, organizado pola Fundación Arume, que se consolida como un escaparate da innovación na cadea forestal.

A alcaldesa aplaudiu tamén o anuncio da Xunta de avanzar no camiño aberto por Lugo e reservar unha porcentaxe mínima de uso da madeira na construción dos seus inmobles.

Martes, 10 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reivindica en Piñeiros’23 o liderado de Lugo na aplicación de políticas municipais sostibles

A alcaldesa, Lara Méndez, reivindicou hoxe o liderado de Lugo na aplicación de políticas sostibles. Unha liña de acción que o seu Executivo abandeira dende 2015 a través da utilización da madeira como elemento estrutural na construción pública e como ferramenta de dinamización económica para o municipio.

A rexedora participaba esta mañá en Piñeiros 23, o evento organizado pola Fundación Arume que, na súa terceira edición, se consolida xa como un escaparate internacional da innovación na cadea forestal e que tiña lugar nesta xornada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Durante o foro, que contou coa presenza de prestixiosos especialistas, entre eles o recoñecido arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA, Méndez aproveitou o seu papel como moderadora dunha das mesas máis destacadas do encontro para enxalzar que Lugo sexa hoxe un referente nacional e internacional neste ámbito.

“Mentres a Unión Europea prepara normativas para que no ano 2030 os novos edificios se constrúan con elementos sostibles e países como Francia estuda que, polo menos o 50% dos seus edificios públicos inclúan, a esa data, a madeira, Lugo é xa a única administración do país que conta con dous edificios públicos feitos con este material e un deles é, ademais, o primeiro de España en obter a certificación FSC de proxectos”, afirmou en alusión ao Impulso Verde.

“Son, por tanto, directrices nas que Lugo vai por diante e serve como referente a outras administracións como pode ser a Xunta de Galicia que acaba de anunciar a súa vontade de avanzar no camiño que abrimos dende a cidade amurallada reservando, a partir do próximo ano, unha porcentaxe mínima das edificacións autonómicas coa súa estrutura en madeira”, referiu a alcaldesa ao tempo que contrapuxo esta medida coa súa aposta persoal “a máximos, xa que as novas dependencias municipais que se construíron durante os meus mandatos xa tiveron este material como elemento estrutural e así se proxecta tamén o terceiro, o pavillón multidisciplinar Lugo Sport Life”.

A mandataria lucense expuxo que “como enxeñeira pero, sobre todo, como alcaldesa levo 9 anos defendendo e impulsando a posta en marcha de políticas públicas baseadas na sustentabilidade, no aproveitamento dos recursos propios que nos ofrece o noso territorio e que, quizáis despois da pandemia máis que nunca, demostráronnos que son a mellor ferramenta que temos para construír cidades máis resilientes, pero tamén para fortalecer as nosas economías e crear ao redor delas un sistema produtivo e industrial que, da man da investigación, sexa sinónimo de oportunidades e crecemento, de desenvolvemento e competitividade, de prosperidade e responsabilidade ambiental sen que ningún destes termos sexa incompatible entre si”, sostivo.

“É por iso que para min hoxe é unha satisfacción poder intervir neste espazo e explicar con orgullo que o edificio Impulso Verde é hoxe moito máis que unha icona do urbanismo sostible, é unha inspiración e sobre todo un estímulo para outros organismos e tamén para a iniciativa privada que teñen nel un claro exemplo de cal pode e debe ser o papel das administracións públicas en prol da loita activa contra o cambio climático e do incremento do benestar cidadá”, engadiu a rexedora.

Durante o seu descurso, a alcaldesa puxo o foco igualmente na colaboración que o Concello de Lugo mantén co PEMADE, vinculada estreitamente coa madeira “e coa que pretendemos pechar o círculo en base ao aproveitamento de recursos propios, un círculo que xera riqueza e prosperidade para os sectores forestal, construtivo e técnico pero tamén para o noso municipio no seu conxunto porque dá pé á implantación de empresas e de proxectos que xeran emprego, en consonancia coa nosa estratexia municipal Lugo Transforma, unha iniciativa que, como vimos tamén durante o Debate de Estado Autonómico, está a ser de novo exemplo para o Goberno galego que a replicará vendo o seu alcance e idoneidade como ferramenta para a consolidación empresarial”, concluíu Lara Méndez.

Nesta terceira edición de Piñeiros, na que se congregaron 300 profesionais do sector, Euskadi tivo tamén un especial protagonismo como rexión convidada polo manexo silvícola e o aproveitamento industrial do pino radiata.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reivindica no Piñeiros’23 o liderado de Lugo | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reivindica en Piñeiros’23 o liderado de Lugo na aplicación de políticas municipais sostibles

Noticias relacionadas