Lara Méndez sitúa a Lugo como potencia deportiva e referente en investigación e estudos na terceira xornada do Tour do Talento

A rexedora participou na sesión “Ecuación talento: equipos de alto rendemento”, celebrada no MIHL, que reuniu a destacados profesionais do ámbito deportivo.

Méndez visitou tamén a feira “USC Campus Terra: Creando Talento”, que serviu de punto de encontro entre o alumnado de ESO e BACH e as diferentes facultades do Campus.

Finalmente, interviu nas mesas redondas sobre econonía circular e sustentabilidade empresarial organizadas no edificio municipal Impulso Verde con empresas locais.

Xoves, 04 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez sitúa a Lugo como potencia deportiva e referente en investigación e estudos na terceira xornada do Tour do Talento

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Deportes, Mauricio Repetto, participou este xoves na sesión “Ecuación talento: equipos de alto rendemento”, promovida polo executivo municipal e a Fundación Princesa de Girona dentro da programación do Tour do Talento. Esta actividade tivo lugar no MIHL e contou coa participación de destacados profesionais do deporte lucense como Roberto Fernández, adestrador de porteiros do CD Lugo; Salva Arco; director da Fundación Breogán; ou Roberto Ramos, socio fundador e CEO do Grupo Be One/ Serviocio.

Méndez puxo en valor “o talento deportivo da cidade, tanto a nivel de equipos, con clubes na elite nacional como o CB Breogán, o CD Lugo, ou o CV Emevé; como a nivel individual, con campións mundiais e mundialistas da talla de Jorge Prado ou Adiaratou Iglesias; entre outros moitos exemplos que demostran que somos unha potencia neste eido”.

Na sesión celebrada no MIHL participaron máis de 80 mozos e mozas da cidade que tiveron ocasión de interactuar cos ponentes e aprender das súas experiencias e consellos. A xornada continou pola tarde coa conferencia “Flow no alto rendemento” da man de Carlos David Prieto,  adestrador de Javier Gómez Noya; María Antonia Lizarraga, responsable médica da área de nutrición no Fútbol Club Barcelona; e Ander Martin, Instrutor do programa de Mindfulness e redución de estrés (MBSR).

Lara Méndez visitou tamén na praza Horta do Seminario os stands da feira “USC Campus Terra: Creando Talento”, que serviu de encontro entre o alumnado de educación secundaria e as diferentes escolas e facultades que compoñen o Campus de Lugo, para facilitar que os mozos e mozas exploren posibles vías na súa carreira formativa. Así mesmo, realizouse un un taller científico co obxectivo de divulgar a ciencia entre os máis novos, impartido por XuvenLab.

Neste senso, a alcaldesa destacou que “Lugo é unha cidade ideal tanto para estudar como para vivir, pola calidade das titulacións do Campus Terra, entre as que se atopan algúns dos graos máis destacados do país como o de Veterinaria ou o de Enxeñaría Forestal; así como pola nosa calidade de vida e o noso patrimonio histórico, cultural e natural, que fan do noso municipio un lugar único”.

Adicionalmente, tivo lugar unha mesa redonda con egresados do Campus Terra e charlas de carácter divulgativo impartidas por Guillermo Mínguez e Eleonora Viezzer, e moderadas por José Vázquez Tato, Catedrático de Química Física, e Marcelino Maneiro Maneiro, Profesor titular de Química Inorgánica.

A rexedora acudiu, así mesmo, á mesa redonda “Sustentabilidade empresarial, como integrar o enfoque circular”, celebrada no edificio Impulso Verde e na que participaron Laura Aldariz Muinelo, técnica en Tecgal Enerxías SL; Josefa de León Blanco, Agroamb, Vocal no comité Executivo de Pacto Mundial de Naciones Unidas - Red Española; Pablo Yanes, dueño de Cabañas da Chousa.

A continuación, neste mesmo emplazamento, tivo lugar a charla “A importancia do consumo responsable e o deseño sostible”, coa participación de: Noemí Rodríguez , CEO e Cofounder Himikode; Gonzalo Abuín, Conselleiro Delegado de Perfect Numbers; Lucia Álvarez, responsable de internacionalización de TasteLab.

En sesión de tarde, Méndez participou no MIHL, nun encontro de profesores e profesoras baixo o título “Encontro de docentes que deixan pegada”, no que participaron Esteve López, formador de claustros e equipos directivos; e Maria Batet, mestra, formadora en creatividade e emprendemento.

Dentro da programación do Tour deste xoves tamén tiveron lugar dúas expedicións de estudantes a Norvento Enerxía, corporación referente mundial en autoxeración e independencia enerxética; e Vertex Bioenergy, referente europeo na industria dos biocombustibles.

Multimedia

  • Lara Méndez sitúa a Lugo como potencia deportiva e referente en investigación e estudos na terceira xornada do Tour do Talento
  • Lara Méndez sitúa a Lugo como potencia deportiva e referente en investigación e estudos na terceira xornada do Tour do Talento
  • Lara Méndez sitúa a Lugo como potencia deportiva e referente en investigación e estudos na terceira xornada do Tour do Talento

Noticias relacionadas