Lara Méndez solicítalle a Rueda un encontro “para abordar os desafíos de futuro que afronta Lugo dende a lealdade e a cooperación”

A rexedora enviou hoxe unha misiva ao novo presidente da Xunta instándoo a retomar os asuntos pendentes no municipio “que lle permitan situarse ao nivel doutras grandes capitais galegas”.

Martes, 31 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez vén de enviarlle unha carta ao novo presidente da Xunta de Galicia para solicitarlle un encontro persoal no que poder abordar “dende a lealdade e a cooperación” os desafíos de futuro que encara o municipio.

Logo de felicitalo polo seu nomeamento, a rexedora instou a Alfonso Rueda a retomar os asuntos que Núñez Feijóo deixou pendentes na cidade.

“Confío en que esta nova etapa que comezas sexa de entendemento e sintonía entre ambas as dúas Administracións, porque Lugo ten aínda moitos retos que acadar para situarse ao nivel doutras grandes capitais galegas. Son moitos os proxectos que o Executivo autonómico ten comprometidos dende hai anos cos e coas lucenses e ten a seguridade de que desde o Concello só atoparás colaboración para avanzar neles”, afirmou a rexedora.

Méndez insistiu na necesidade de afrontalos con firmeza e axilizalos todo o posible, “tendo en conta que nos atopamos nun momento no que dende a Institución local estamos a desenvolver unha estratexia moi ambiciosa que será clave na nosa transformación como municipio de vangarda en urbanismo sostible pero tamén no que respecta á nosa diversificación económica. Un proceso que, sen dúbida, é unha excelente oportunidade para a cidade, para a provincia e, polo tanto, para Galicia como proxecto de país”, sinalou a alcaldesa lucense.

Lara Méndez sostén que o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia impuxo aos territorios novas prioridades que obrigaron aos organismos públicos a reestruturar a súa xestión e a reaccionar con valentía política para empregar os recursos dos que dispoñemos e todo o noso potencial en trazar a senda do crecemento e xerar oportunidades. “Iso é o que estamos a facer dende o Concello, agardamos da Xunta unha resposta á altura”.

A rexedora aludiu a asuntos tan importantes, “dos que xa era ben coñecedor Alberto Núñez Feijóo desde o seu primeiro mandato - por tratarse de materias de competencia autonómica - como as infraestruturas que seguen sen materializarse, tanto as vinculadas á mobilidade como á cultura ou á educación, así como as relativas á proxección do noso patrimonio e ao fomento da industria ou da zona rural, de maneira que quedo á espera de que poidamos falar de todas elas nun próximo encontro persoal”, concluía o escrito.

Noticias relacionadas