Lugo renova os seus xardíns e espazos públicos con 25.000 plantas para a campaña outono-inverno

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou as plantacións, “que nos axudan non só a manter unha cidade bonita senón con mellor saúde ambiental”.

Esta semana traballáronse nos espazos axardinados da Rúa Pintor Laxeiro, xunto a Fonte do Rei, nas rotondas de Garabolos e a Praza de Santo Domingo.

Venres, 12 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo renova os seus xardíns e espazos públicos con 25.000 plantas para a campaña outono-inverno

O goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe Miguel Fernández, está a realizar traballos de mantemento en parques, xardíns e zonas verdes, consistentes na plantación de plantas de tempada de inverno, cunha estimación de máis de 25.000 exemplares.

Miguel Fernández, supervisaba esta mañá os avances das tarefas e apuntaba que “son fundamentais actuacións deste tipo que non só nos permiten embelecer a cidade senón mellorar a saúde ambiental”.  O tenente de alcaldesa explicou “traballamos para avanzar cara un modelo de cidade sostible e mellorar a calidade de vida das persoas”.

Neste redeseño dos espazos públicos, no que se investen 24.000 euros, “aplicamos un tratamento integral para que as plantacións se produzan nas mellores condicións e deizar Lugo preparardo para a chegada dunha época tan especial como é o Nadal”.

Como planta de flor da campaña de inverno cultívanse principalmente brassicas, violas, primulas, caléndulas e cyclamens, que encherán de cor a paisaxe das rúas, parques e espazos verdes da cidade; mentres que na de verán se utilizan  begonia, coleus, gazania, impatiens, surfinia, petunia, salvia, tagete, osteospermum e calibrachoa, entre outras.

Esta semana os traballos florais tiveron lugar nos espazos axardinados da Rúa Pintor Laxeiro, na Fonte do Rei, nas rotondas de Garabolos e na Praza de Santo Domingo, para dar continuación ás plantacións xa realizadas na Praza Maior e tamén xunto ao busto de Rosalía de Castro días atrás.

Nas vindeiras semanas os xardineiros da empresa encargada do mantemento das zonas verdes procederán a acondicionar os espazos da Avenida das Américas, Fonte dos Ranchos, Praza da Constitución, Praza do Ferrol, Ronda da Muralla xunto a Porta de San Fernando, Parque Rosalía, Santo Domingo, Montevideo, Castelao, Bispo Aguirre, Bispo Odoario e nas xardineiras instaladas en distintas partes da cidade.

Noticias relacionadas