Máis de 8.000 lucenses escolleron a piscina de Frigsa para refrescarse durante o mes de xullo

Á instalación situada no parque da Milagrosa acudiron 2968 crianzas e 3880 persoas adultas. Ademais,  outras 1939 persoas fixeron uso da mesma no contexto dunha dinámica grupal.

Para aqueles que optan por usar o Miño para bañarse, e co obxectivo de que os bañistas conten coas máximas garantías, o Goberno local puxo en funcionamento un servizo de salvamento e socorrismo fluvial.

Venres, 11 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 8.000 lucenses escolleron a piscina de Frigsa para refrescarse durante o mes de xullo

Máis de 8.000 lucenses escolleron a piscina exterior de Frigsa para refrescarse durante o mes de xullo. A asistencia sitúase en niveis similares aos do ano pasado, no que no mesmo mes experimentouse unha ola de calor e as temperaturas medias foron sensiblemente superiores ás do mesmo período deste ano. O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, valorou positivamente este dato de asistencia. “A piscina exterior de Frigsa xa está consolidada como zona de recreo na tempada estival e no que levamos de mes de agosto a asistencia segue sendo moi alta”, sinalou o edil. Bustos recordou que “o Goberno local apostou, un ano máis, por conxelar as tarifas co obxectivo de non gravar as economías domésticas e favorecer o acceso ás dotacións, xa que se trata dun recurso moi valorado pola veciñanza desde unha perspectiva lúdica e saudable”.

Esta política de prezos populares, xunto coa mellora dos servizos nas instalacións, repercutiu na consolidación da asistencia nesta área de baño. A piscina exterior de Frigsa foi utilizada no mes de xullo por 8487 veciños e veciñas. Á instalación situada no parque da Milagrosa acudiron 2968 crianzas e 3880 persoas adultas. Ademais,  outras 1939 persoas fixeron uso da piscina no contexto dunha dinámica grupal, ben formando parte dalgunha asociación ou como asistentes aos campus organizados neste equipamento.

A pesar de que a Xunta denegara aos lucenses por segundo ano consecutivo a posibilidade de contar cunha zona de baño pública na que gozar de forma cómoda é segura do río, para aqueles que optan por usar o Miño para bañarse, e co obxectivo de que os bañistas conten coas máximas garantías, o Goberno local puxo en funcionamento, unha tempada máis, un servizo de salvamento e socorrismo fluvial que leva a cabo o seu labor de vixilancia a través de todo o leito  asistido por unha lancha motorizada.

Deste xeito, a contorna do río Miño, cuxo patrimonio natural está a ser posto en valor e o seu acceso desde o casco urbano mellorado a través de distintas intervencións postas en marcha polo Goberno de Lara Méndez dentro da estratexia Dusi-Muramiñae, sitúase como outro espazo referente para o ocio durante os meses de verán. Non só como zona de recreo, senón tamén como espazo cultural. Así, durante todos os martes do mes de xullo a contorna natural que se corresponde coa zona pública de baño denegada pola Xunta converteuse nun escenario lúdico no que a cultura galaico-portuguesa e o patrimonio paisaxístico da ribeira foron os grandes protagonistas.

Audio

  • O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, sobre o servizo de socorrismo en Frigsa | Descargar mp3

Multimedia

  • Máis de 8.000 lucenses escolleron a piscina de Frigsa para refrescarse durante o mes de xullo

Noticias relacionadas