Medio Ambiente prepara un Plan de Intervención e Mellora para acometer a renovación dos parques infantís da cidade

O edil Álvaro Santos anuncia que nos próximos días quedará aberta ao público a zona de xogos da Praza da Milagrosa

Sábado, 21 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente prepara un Plan de Intervención e Mellora para acometer a renovación dos parques infantís da cidade

A concellería de Medio Ambiente prepara a elaboración dun Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís da cidade co que o Concello de Lugo quere establecer un cronograma de actuacións para abordar a súa renovación.

“O obxectivo é realizar unha vixilancia constante sobre aspectos tan importantes como a substitución do pavimento, a incorporación de pezas e bambáns inclusivos ou mesmo a ampliación dos recintos coa fin de garantir unha oferta de ocio e esparexemento axeitada para os máis pequenos”, explica Álvaro Santos.

O edil responsable de Medio Ambiente sinala que o control continuo que se pretende exercer sobre a situación na que se atopan estes espazos permitirá priorizar a premura coa que se debe subsanar o seu deterioro.

“A nosa pretensión é establecer un calendario de actuacións que nos permita intervir segundo a urxencia das deficiencias atopadas e da frecuencia de uso que teñan as instalacións, de forma que ningún barrio de Lugo resulte alleo a esa supervisión e ningunha área infantil quede desfasada”, aclara Álvaro Santos.

O concelleiro de Medio Ambiente indica asemade que o seu departamento está a estudar as posibilidades que ten a zona de xogos de Augas Férreas para modernizala gañando en versatilidade ao tempo que anuncia que, previsiblemente, durante a próxima semana se abrirá a da Praza da Milagrosa, só pendente de recibir certificación.

Unha actuación que supuxo un investimento en torno aos 20.000 euros e coa que o equipo de Lara Méndez segue avanzando na humanización dos espazos públicos da capital para poñelos á disposición da veciñanza.

Con este, serán xa 75 os parques infantís cos que conta o concello de Lugo, algúns deles novos, como o inaugurado este mesmo mes na Praza de Bretaña, ou ben recentemente ampliados como os de Albeiros ou Campo Castelo.

Noticias relacionadas