O comercio local factura 14.360 euros nos primeiros 10 días de funcionamento da plataforma online municipal Abrindo Lugo

Os establecementos adheridos conseguiron vender, en pouco máis dunha semana, 400 bonos que se poderán consumir unha vez reabran as súas portas

Actualmente 200 negocios integran esta iniciativa, impulsada polo goberno de Lara Méndez, que poderá ter continuidade cando a actividade se normalice

Mércores, 06 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O comercio local factura 14.360 euros nos primeiros 10 días de funcionamento da plataforma online municipal Abrindo Lugo

O comercio local facturou, nos primeiros dez días de funcionamento da plataforma online municipal Abrindo Lugo, 14.360 euros. Unha cantidade que xa lles foi abonada ás empresas cumprindo o principal obxectivo desta iniciativa impulsada polo goberno de Lara Méndez: dotar de liquidez aos negocios pese a permanecer pechados durante este tempo de confinamento.

Dende a súa posta en marcha, preto de 200 establecementos da cidade se adheriron á campaña “Cos de Sempre” que o Concello puxo en funcionamento da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, para fomentar a compra anticipada online mentres dure o Estado de Alarma.

En total, os locais participantes venderon, en pouco máis dunha semana, preto de 400 bonos con descontos que oscilan entre o 15 e o 40% e que se poderán consumir unha vez reabran as súas portas. Así mesmo, nestes 10 días xa se recadaron máis de 360 euros a través de tickets solidarios, cos que a cidadanía está a axudar ao pequeno comercio sen comprar ningún produto ou servizo.

Algúns dos comercios que máis bonos venderon foron os relacionados coa hostalaría, con casos concretos que alcanzaron os 500 e 600 euros de venda pero tamén as tendas de agasallos que ingresaron preto de 900 euros ou as perruquerías cun volume de negocio de 400 euros.

O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, agradeceu a colaboración da veciñanza e o seu compromiso “cos de sempre, cos negocios e establecementos que frecuentamos, nos que confiamos e cos que agora é importante que todos nos impliquemos, administración e sociedade, para que a súa reactivación sexa máis rápida” ao tempo que sinalou a importancia das vendas realizadas nesta época, independentemente da súa contía, “porque a pouco que sexa, axudará a facer fronte aos gastos permanentes que teñen as pequenas empresas”.

As inscricións para establecementos interesados continúan abertas a través de www.abrindolugo.gal no espazo habilitado na parte superior da web.

A través da web Abrindo Lugo os veciños e veciñas poderán adquirir tíckets ou bonos nas tendas, restaurantes, bares e demais establecementos participantes, que serán trocados cando remate a situación de crise sanitaria. Así mesmo, para efectuar a compra non é preciso rexistrarse, aforrando tempo e facilitando o proceso.

A campaña Cos de Sempre se desenvolve dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego, baixo a marca Lugo É Capital, que aglutina todas as accións do Goberno de Lara Méndez en apoio á economía de proximidade.

Audio

  • O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, fai balance dos 10 primeiros dias do "Abrindo Lugo" | Descargar mp3

Noticias relacionadas