O Concello pon a disposición das persoas interesadas 18 postos de venda de mercadorías na Praza Maior durante a festa do Arde Lucus

A autorización da ocupación terá vixencia durante a edición de 2024 prorrogable por un ano máis. Trátase dos espazos que se atopaban actualmente vacantes, dun total de 57.

Jorge Bustos lembrou que o Concello aprobou en 2022 a normativa para acceder a estes postos “xerando un gran interese entre as e os comerciantes”.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles contados dende a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante.

O edil explicou que o Concello segue a promover e intensificar a colaboración público-privada de cara a celebración da vindeira edición da festa, do 13 ao 16 de xuño.

Mércores, 20 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello pon a disposición das persoas interesadas 18 postos de venda de mercadorías na Praza Maior durante a festa do Arde Lucus

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da concellería de Xuventude e Deportes que dirixe Jorge Bustos, porá a disposición das persoas interesadas 18 postos de venda de mercadorías, situados na Praza Maior, durante a celebración do Arde Lucus. A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores as bases para a licitación destes espazos que se atopaban actualmente vacantes. Bustos, explicou que “en 2022 aprobamos a normativa para acceder a estes postos, xerando un gran interese entre as e os comerciantes, ofrecéndolles a oportunidade de renovar a autorización de uso anualmente por un período máximo de catro anos”.

“En total son 57 os espazos que dende o Concello poñemos a diposición das persoas interesadas, dos cales 39 xa se atopan ocupados e os restantes 18 son os que agora se poderán solicitar”, subliñou Bustos. A autorización da ocupación terá vixencia durante o Arde Lucus 2024 prorrogable por un ano máis. Os postos de venda de mercadorías poderán iniciar a montaxe o día 13 de xuño e deberán estar en funcionamento no horario de apertura do mercado (Macellum), que será o seguinte:

  • Venres 14 de xuño de 2024: de 16:00h a 21:30h.
  • Sábado 15 de xuño de 2024: de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:30h.
  • Domingo 16 de xuño de 2024: de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:30h.

Así mesmo, o concelleiro explicou que o prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles contados dende a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A selección dos adxudicatarios realizarase por concorrencia competitiva. Entre os criterios que se terán en conta á hora de avaliar as solicitudes atópanse a oferta económica; a adecuación das paradas e da súa decoración, así como a vestimenta das persoas encargadas da venda e os produtos que se ofertan; estar en posesión do carné de artesán ou a realización gratuíta de obradoiros de artesanía.

Colaboración público-privada

Por outra banda, Jorge Bustos explicou que o Concello segue a promover e intensificar a colaboración público-privada de cara a celebración da vindeira edición do Arde Lucus, que terá lugar do 13 ao 16 de xuño, como Festa de Interese Turístico Internacional. Esta colaboración vén sendo habitual nos últimos anos, co obxectivo de xerar sinerxias que contribúan ao crecemento continuo da festa no tempo.

Deste xeito, o edil destacou que durante a celebración de FITUR no pasado mes de xaneiro, tiveron lugar os primeiros contactos con empresas interesadas en colaborar na organización e divulgación do evento, como Alsa ou Gestagua. En concreto o Grupo Alsa aplicará descontos sobre as tarifas base dos servizos de transporte regular que teñan a súa orixe ou destino na cidade de Lugo con motivo do Arde Lvcvs e emitirá un vídeo sobre a festa, no canal de entretemento a bordo do que dispoñen todos os autobuses.

Así mesmo, Bustos informou que actualmente estanse a tramitar novas colaboracións con sociedades como As Termas; Monbus; Arenal; Cafés Candelas; Caixa Rural; Calfensa; Dmanan; Frisaqués; Gadisa; Naturgy; Torre Nuñez; Abanca ou Ecolugo, entre outras.

Multimedia

  • O Concello pon a disposición das persoas interesadas 18 postos de venda de mercadorías na Praza Maior durante a festa do Arde Lucus

Noticias relacionadas