O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha axudas para entidades que contribúan a dinamizar a economía e a xerar emprego en Lugo

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá as bases e a apertura da nova convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a que o executivo destinará 22.500 euros.

“Queremos seguir brindando apoio a todas aquelas iniciativas e proxectos locais cos que se acade a xeración de emprego”, explicou Mauricio Repetto.

Martes, 16 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha axudas para entidades que contribúan a dinamizar a economía e a xerar emprego en Lugo

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local de mañá as bases e a apertura da convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro do municipio que desenvolven a súa actividade no eido da dinamización económica e levan a cabo proxectos de fomento do emprego en Lugo. “Trátase de axudas, por un importe total de 22.500 euros, para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo iniciativas que dinamicen a economía lucense”, explicou Mauricio Repetto.

Neste senso, o concelleiro explicou que “poñemos en marcha unha nova edición desta convocatoria coa que dende o executivo municipal queremos seguir brindando apoio a todas aquelas iniciativas e proxectos locais cos que se acade a xeración de emprego”.  Neste senso, Repetto puxo en valor “o traballo e implicación do tecido asociativo a nivel local” ao tempo que puxo de manifesto “a colaboración e a man tendida que mantén a administración local con estes colectivos como piar fundamental do municipio”.

Para a valoración e concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios obxectivos e de calidade do proxecto como o número de persoas asociadas á entidade, o número de anos de experiencia e implantación en Lugo, o fomento da dixitalización, a innovación ou a sostibilidade, a execución de actividades de formación e de participación da cidadanía a través da organización de eventos como feiras, mercadillos, congresos ou actividades de dinamización e networking.

Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas –que terán unha contía máxima de 2.000 euros, coa que se pode cubrir até o 90% da acción– as asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento da promoción económica, comercio, formación empresarial e para o emprego, empresarial, hostalería e/ou creación de emprego a través de proxectos que pretenden a mellora económica do municipio de Lugo.

Noticias relacionadas