O Executivo de Paula Alvarellos pon ao dispor da hostalería un servizo baixo demanda e gratuíto para a recollida de material nas terrazas provisionais

O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, informou esta mañá de que o operativo, que ten por obxectivo facilitar a retirada de aveños e realizar unha limpeza viaria en profundidade, estará dispoñible ata o próximo 20 de abril.

Luce Lugo ofrece dúas opcións operativas: pódese solicitar telefonicamente a recollida do material tras desmontar a terraza ou pedir cita previa no punto limpo para evitar esperas á hora de depositalo.

Unha vez retirado o mobiliario é necesario acoutar o espazo ocupado para que o servizo poida limpar o pavimento antes de que aparquen coches.

Xoves, 04 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos pon ao dispor da hostalería un servizo baixo demanda e gratuíto para a recollida de material nas terrazas provisionais

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, pon ao dispor da hostalería lucense un servizo baixo demanda e gratuíto para a recollida de material nas terrazas provisionais. O operativo, que ten por obxectivo facilitar a retirada de aveños e realizar unha limpeza viaria en profundidade, estará dispoñible ata o próximo 20 de abril. “Con esta iniciativa perseguimos un triplo obxectivo. Por unha banda, facilitar aos nosos hostaleiros e hostaleiras o proceso de regularización das terrazas que se iniciou coa publicación do bando, por outro, evitar que a retirada de todas estas toneladas de material xeren incomodidades á veciñanza e, por último,  contribuír a manter os estándares de limpeza e aseo público nos que se atopa a cidade protexendo así o noso medio ambiente”, sinalou Fernández.

Para iso, o Concello ofrece dúas opcións operativas: pódese solicitar telefonicamente a retirada do material tras desmontar a terraza ou pedir cita previa no punto limpo para evitar esperas á hora de depositalo. No primeiro caso, as persoas interesadas deben chamar ao 900 909 671 para solicitar a retirada dos elementos da terraza. A través desta comunicación informaráselles do día e a hora en que levará a cabo a recollida por parte dos operarios de Luce Lugo. Así, os solicitantes deberán desmontar a instalación e colocar os elementos de forma que non supoñan risco algún para os viandantes e procurando que causen as menores molestias á circulación tanto de peóns como de vehículos.

No segundo caso, a través do mesmo número de teléfono, é posible solicitar cita e entregar os elementos da terraza directamente no punto limpo. A través deste método, e coa finalidade de non colapsar o servizo, ofreceráselles un día e unha hora para realizar a entrega programada e axudar no depósito.  En ambos os supostos, unha vez retirado o mobiliario, é necesario acoutar o espazo ocupado para que o servizo poida limpar o pavimento antes de que aparquen coches. “É crucial acoutar a zona e sinalizala para que podamos realizar unha limpeza en profundidade”, concluíu o edil.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre o servizo de terrazas provisonais | Descargar mp3

Noticias relacionadas