O Concello continúa a fomentar os valores medioambientais do Impulso Verde con dúas novas visitas de alumnado de A Coruña

Estudantes do máster “Deseño e construción en madeira” da Universidade CESUGA e do CIFP Coroso-Ribeira coñeceron in situ as instalacións deste pioneiro inmoble.

O Impulso Verde cumpre así coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez.

Venres, 27 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello continúa a fomentar os valores medioambientais do Impulso Verde con dúas novas visitas de alumnado de A Coruña

O edificio Impulso Verde, promovido polo Goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, continúa a impulsar o seu labor divulgativo con dúas novas visitas de alumnado procendente da provincia de A Coruña. Así, un grupo de dez alumnos do máster “Deseño e construción en madeira” da Escola de Arquitectura da Universidade CESUGA visitaron as instalacións e puideron coñecer de primeira man o proceso construtivo do inmoble.

Así mesmo, este xoves, outro grupo de nove alumnos, do F.P. Dual de Ciclo Medio de Obras de Interior, decoración e rehabilitación, do CIFP Coroso-Ribeira, acompañados do seu titor, visitaban a infraestrutura como parte da súa formación.

O interese que esperta este edificio no alumnado e profesorado dos diferentes ciclos formativos relacionados coa construción e o traballo en madeira débese ao innovador uso desta materia prima como elemento estrutural, así coma a súa aposta pola sostibilidade e o consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro. Ademais, calcúlase que absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.

O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Deste xeito, este edificio pioneiro convírtese nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O Impulso Verde cumpre así coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Impulsado e cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.

Multimedia

  • O Concello continúa a fomentar os valores medioambientais do Impulso Verde con dúas novas visitas de alumnado de A Coruña
  • O Concello continúa a fomentar os valores medioambientais do Impulso Verde con dúas novas visitas de alumnado de A Coruña

Noticias relacionadas