O Concello de Lugo adxudica a obra de substitución de pavimento no Pavillón Municipal de Frigsa cun aforro superior aos 20.000€ sobre o orzamento base de licitación

Mércores, 18 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica a obra de substitución de pavimento no Pavillón Municipal de Frigsa cun aforro superior aos 20.000€ sobre o orzamento base de licitación

A Xunta de Goberno vén de adxudicar esta mañá á empresa Mondo Ibérica a obra de substitución de pavimento no Pavillón Municipal de Frigsa por un importe de 52.114’38 euros (63.058’40€ IVE incluído), dentro dun orzamento base de licitación de 83.470’74 euros (IVE incluído) o que supón un aforro de máis de 20.000 € na actuación prevista.

“O chan das instalacións, ubicadas ao carón das piscinas cubertas, presentaban un elevado grao de deterioro que a área de Deportes quere atallar renovando por completo o firme para dotalas dunha superficie segura e de última xeración, adaptada ás novas normas e esixencias técnicas”, segundo explicou o seu concelleiro Miguel Fernández.

Desta forma a pista do centro deportivo contará proximamente cun revestimento de caucho prefabricado a base de goma natural e sintética, exento de PVC e de substancias halóxenas tóxicas.

Os traballos de renovación terán un prazo de execución dun mes, contando a partires do día seguinte ao de sinatura da acta de comprobación de replanteo.

Miguel Fernández sinalaba esta mañá que o contrato, publicado xa en xullo, e adxudicado inicialmente a outra empresa, volvía á Xunta de Goberno de hoxe logo de que a Mesa de Contratación celebrada o pasado 26 de agosto acordase excluíla do procedemento por incumprir o prego de prescricións técnicas no referido á calidade técnica dos materiais empregados xa que non se axustaban aos requirimentos sinalados no proxecto.

A obra financiarase ao 100% coa subvención da Deputación a través dun convenio interadministrativo de cooperación asinado entre o organismo provincial e o Concello de Lugo.

Audio

  • O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, sobre a pavimentación do Pavillón Municipal de Frigsa | Descargar mp3

Noticias relacionadas