O Concello emprende melloras de rehabilitación, accesibilidade e aforro enerxético na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz

Manuel Núñez informou destas tarefas, cun orzamento duns 18.700 euros e cun prazo de execución dun mes. Estas actuacións súmanse a outras en Serra de Outes, como a apertura dunha nova porta

Xoves, 10 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello emprende melloras de rehabilitación, accesibilidade e aforro enerxético na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz. Así o deu a coñecer esta mañá o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen subliñou que se trata dunhas obras duns 18.700 euros, cun prazo de execución dun mes, subvencionadas pola Xunta de Galicia, cofinanciada polos fondos FEDER Galicia 2014-2020.

Tal e como explicou Núñez, as actuacións que se van a levar a cabo son melloras e correcións dirixidas a optimizar e mellorar as condicións de habitabilidade da escola, tanto a nivel enerxético, como de illamento e confortabilidade, e incluso de estabilidade. Tamén se renovará o illamento e o acabado externo e se cambiará o pavimento para facelo máis accesible.

Deste xeito, realizarase a mellora estrutural, mediante o tensado dos tiradores existentes, previo o desmontaxe de parte dos paneis da fachada, para facilitar o tensado e a posterior reposición e a implantación dun novo sistema de estabilizadores da estrutura de madeira, que impida a aparición de fendas nos peches e pavimentos, o que actualmente provoca filtracións de aires e humidades. Así mesmo, renovaranse 82 metros do pavimento exterior para facelo máis accesible, que se cambiará por pavimento antiesvarante asentado sobre cemento cola flexible. Tamén terá lugar a modificación do acceso dende a rúa Vilaverde, incluíndo a demolición do valado de pedra, a execución dun novo acceso, a adaptación das cancelas e peche da entrada actual, todo elo aconsellado polos Bombeiros no último simulacro de evacuación.

A mellora do illamento térmico acústico en fachada, cun reforzo tanto interior como exterior, e a revisión do tellado, incluíndo unha nova rede de evacuación das augas pluviais completan este proxecto. A estas actuacións, súmanse outras na Escola Municipal Serra de Outes, por un 1.800 euros, como a apertura dunha nova porta.

A oferta tanto de Gregorio Sanz como de Serra de Outes é de 61 prazas cada unha, distribuídas en catro aulas, unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha.

Noticias relacionadas