O Concello esixe á Confederación Hidrográfica que tome de inmediato unha decisión sobre o dique do Miño

O edil de Desenvolvemento Sostible trasladará esta demanda ao organismo de cunca na reunión que este convocou a tres bandas coa empresa que acomete as obras de rehabilitación da fábrica da luz e o Concello

Case dous meses despois de que a CHMS ordenase paralizar os traballos, “o que temos é unha escollera no medio do río, sen expectativa temporal de cando se vai a retirar. Debe decidir xa se a legaliza ou manda desfacela”, subliña Piñeiro

Xoves, 21 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo esixe á Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS) que exerza a súa responsabilidade e competencias, e adopte de inmediato unha decisión sobre a escollera levantada no Miño pola empresa que se ocupa das obras de rehabilitación da fábrica da luz, xa que, “case dous meses despois de que o organismo de cunca ordenase paralizar os traballos, o que temos é un dique no medio do río, sen expectativa temporal algunha de cando se vai a retirar”, subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Así llo trasladou o edil aos grupos políticos da Corporación durante a Comisión Permanente Ordinaria de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes previa ao Pleno do 28 de xaneiro que tivo lugar na mañá deste xoves. Piñeiro informou aos edís de que a Confederación convocou para o vindeiro luns, día 25, unha reunión a tres bandas, con empresa adxudicataria e Concello –como concesionario do caudal- co fin de abordar esta situación. “Alí trasladaremos á Confederación que debe exercer as súas competencias e tomar o antes posible unha decisión porque estamos en pleno inverno, o río medra, e pode que a ataguía non aguante, pois, a pesar das obras para asegurala que ordenou a CHMS, está pensada para ser provisional e o río leva moita forza”, sinalou o Concelleiro.

A Confederación “debe decidir xa se legaliza o dique ou ordena a súa retirada. Calquera das dúas opcións será máis beneficiosa para o medio ambiente, a biodiversidade fluvial e a cidadanía, que manter esa estrutura sine die”.

Piñeiro informou tamén aos grupos de que, cumprindo cun acordo plenario, o servizo municipal de Medio Ambiente está a revisar o contrato de concesión, “un documento extenso e denso”, sinalando en calquera caso que “o expediente foi tramitado correctamente”.

A empresa adxudicataria da concesión da fábrica da luz é a que se ocupa da execución das obras de rehabilitación do edificio e do aumento do caudal, e ten que axustarse ao proxecto e permisos concedidos polo Ministerio de Medio Ambiente, Confederación, a Consellería de Industria e Patrimonio. O Concello é o concesionario do caudal.

Noticias relacionadas