O Concello estuda incorporar ao expediente disciplinario dos oficiais as descualificacións á Alcaldesa lanzadas na rolda de prensa da CSIF

O Goberno local entende que a comparecencia foi unha continuación das faltas de respecto que onte proferiron contra a rexedora, a máxima autoridade da Policía Local, que ten unha  estrutura e organización xerarquizada

Venres, 15 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os servizos xurídicos do Concello de Lugo estudan incorporar ao expediente disciplinario que se tramita aos oficiais da Policía Local as declaracións, os insultos e as descualificacións, en moitos casos machistas, proferidos por membros do sindicato CSIF contra a Alcaldesa, Lara Méndez, na rolda de prensa ofrecida esta mañá, xa que nela participaron dous dos oficiais que estaban na reunión de onte na que a rexedora e o director xeral de Recursos Humanos intentaron explicarlles a proposta de redistribución das quendas dos axentes. Foi precisamente pola actitude mantida nesa reunión pola que o Concello activou a apertura dos expedientes disciplinarios.

O Goberno local entende que a rolda de prensa foi unha continuación das faltas de respecto que onte proferiron contra a rexedora, con cualificacións como “generalísima coas tropas diante” e “capitana generala”, ou frases como  “esta desfai todo por un pronto e un calentón”, “entendendo que é un calentón dela porque non lle dá máis”, “minte todos os días”, “non se entera de nada”, “desidia e nula xestión”, “pataleta que colleu”, “montou a pataleta despois no sentido no que está hoxe, que non sei como está”, ou “afloroulle outra vez o xenio á Alcaldesa”, por citar só algunhas das expresións. Ademais, polo menos nunha decena de ocasións acusárona de mentirosa.

Ademais, o Goberno entende que na rolda de prensa queda patente como intentan restarlle autoridade á máxima autoridade da Policía e á máxima autoridade do Concello de Lugo, con expresións como “eu cando me chaman a unha reunión, pódome levantar ou non da reunión, ou teño que estar sentado ata que a señora Alcaldesa, capitana generala me mande levantar”. Ou mesmo “a Alcaldesa presentouse cuns papeis, que xa se viu que era coa intención de colar, falar do seu libro”.

Desde o Concello sublíñase que a de onte foi unha reunión de traballo da máxima autoridade da Policía cos oficiais para comunicarlles a redistribución das quendas, non unha negociación sindical. E lembra, ademais, o que recolle a Lei de Coordinación de Policiais Locais de Galicia:

  • No seu artigo 5 sobre a “Natureza xurídica e denominación”, di: “Os corpos da Policía Local son institutos armados de natureza civil, con estrutura e organización xerarquizada, baixo a superior autoridade e dependencia do alcalde respectivo, ou do concelleiro no que este delegue”.
  • No artigo 27 do “Corpo da Policía Local”, sostén, no punto 2: “O posto de xefatura exerce a máxima responsabilidade da Policía Local e ostenta o mando inmediato sobre todas as unidades, seccións e servizos nas que se organiza o Corpo, baixo a superior autoridade do alcalde ou concelleiro no que delegue”.

Ademais, o Goberno considera lamentable que un axente de Policía, un oficial concretamente, considere “calquera cousiña” que un axente non acuda ao seu posto de traballo como reforzo dos seus compañeiros da quenda ordinaria a pesar de recibir a notificación correspondente. Lembra que a ausencia inxustificada dos axentes das forzas de seguridade nos actos onde son requiridos pon en perigo o bo transcorrer dos actos, así como á propia cidadanía que participa nos mesmos.

Noticias relacionadas