O Concello inviste este verán preto de 85.000 euros na mellora das instalacións dos colexios e das escolas infantís

Manuel Núñez informou de todas as actuacións que está previsto realizar nos centros durante este verán, en resposta ás peticións realizadas polos equipos directivos dos mesmos

Xoves, 04 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou das melloras que vai a realizar o Concello este verán en todos os colexios públicos e garderías infantís municipais da cidade, unhas actuacións ás que destinará preto de 85.000 euros e que responden ás peticións realizadas polos equipos directivos dos centros.

No Colexio da Ponte realizarase o pintado de tres aulas, o arranxo dos canlóns e reparación do firme do acceso ao centro. Polo que respecta ao CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela farase a reparación da cuberta da pista polideportiva.

En canto ao centro educativo da Anexa repararase a cuberta da pista polideportiva e abrirase unha porta na zona administrativa. Nas instalacións do Colexio de Casás terá lugar a apertura dunha porta na pista polideportiva, farase un rampla de acceso e colocarase unha varanda de seguridade.

Ademais, no CEIP de Albeiros realizarase a o reparación do aparcamento e do acceso a infantil. No Colexio Menéndez Pelayo realizarase a reparación e substitución das tubaxes de auga potable.

Nas instalacións do centro educativo Quiroga Ballesteros farase o pintado das aulas e dos andares da planta baixa, así como a reparación das columnas do peche perimetral. En canto ao Colexio Illa Verde repararase e acondicionarase a zona de xogos de infantil.

No CEIP As Gándaras realizarase o pintado de tres aulas. Nas instalacións do centro educativo de Paradai arranxaranse os baños da planta baixa e instalarase unha billa exterior. Ademais en todos os centros se arranxará e repararán os areeiros dos que dispoñen.

Outras actuacións solicitadas polos colexios faranse ao longo do curso con cargo ao plan de emprego municipal que levará a cabo a entidade local este ano.

Escolas infantís municipais

Nas instalacións da Escola Infantil Luis Soto Menor, situada en San Fiz, instalarase aire acondicionado para solucionar o problema de temperatura nos corredores e distribuidores. Polo que respecta ás de Serra de Outes e Gregorio Sanz, realizaranse diversas reparacións solicitadas polos equipos directivos destes centros.

Audio

Noticias relacionadas