O Concello pavimentará a glorieta de Benigno Rivera nas noites do domingo e do luns, o que producirá desvíos de tráfico

O domingo, 12 de maio, o corte iniciarase ás 20:00 horas e ata as 07:00 horas, e o luns, dende as 21:00 ás 07:00 horas, momento no que quedará restablecido o tráfico

As obras, cun orzamento de 50.290 euros, consisten na renovación do pavimento desta vía, importante nó de comunicacións, fundamental para a mobilidade no polígono do Ceao e a saída e entrada da cidade

Sábado, 11 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo acometerá na noite deste domingo e na do vindeiro luns a repavimentación da glorieta da intersección da avenida Benigno Rivera coa rúa da Agricultura. O domingo, 12 de maio, o corte iniciarase ás 20:00 horas e ata as 07:00 horas, e o luns, dende as 21:00 ás 07:00 horas, momento no que quedará restablecido o tráfico.

Por tratarse dunha das entradas á cidade dende a A-6 e a entrada ao polígono industrial do Ceao, e ser unha glorieta que soporta diariamente unha importante intensidade de tráfico, resulta conviente o desvío de toda a circulación por un itinerario alternativo durante a execución das obras.

O desvío do tráfico realizarase na avenida Benigno Rivera, á altura da intersección coa rúa das Leiteiras, para o que será necesario interrompir provisionalmente a mediada existente en Benigno Rivera.  Desviarase o tráfico de entrada ao polítono por rúa das Leiteiras, rúa das Costureiras, rúa do Vidro, para volver a incorporarse a Benigno Rivera pola rúa da Industria.

O tráfio de saída do polígono desviarase na glorieta situada na intersección da avenida Benigno Rivera con rúa da Industria cara rúa da Industria, rúa do Vidro, rúa das Costureiras, rúa das Leiteiras, para incorporarse de novo á avenida Benigno Rivera.

As obras, cun orzamento de 50.290 euros, consisten na renovación do pavimento desta vía, importante nó de comunicacións, fundamental para a mobilidade no polígono do Ceao e a saída e entrada da cidade. Con esta actuación o Concello responde ás peticións do tecido empresarial do Ceao, ao tempo que mellora a seguridade viaria e a comodidade dos conductores desta calzada, que, debido á gran densidade de tráfico que soportan, tanto de turismos como de vehículos pesados, atópase moi deteriorada.

Noticias relacionadas