O Concello súmase ao rosa no Día Internacional contra o Cancro de Mama

A Alcaldesa participou este domingo nos actos conmemorativos desta enfermidade que ten unha incidencia anual en España de máis de 25.000 casos

A Praza Maior acollerá mañá luns a lectura dun manifesto e a construción dun lazo xigante de flores de cor rosa, símbolo da loita contra unha doenza que afecta a unha de cada oito mulleres

Domingo, 18 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Actos conmemorativos polo Día do Cancro de Mama

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este domingo nos actos conmemorativos do Día Internacional contra o Cancro de Mama, unha enfermidade que ten unha incidencia anual en España de máis de 25.000 casos. O Concello colabora nesta iniciativa organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e o Grupo El Progreso para apoiar ás mulleres na súa loita diaria para superar esta enfermidade, pero tamén ás súas familias e amigos, “que sofren en silencio a angustia, a incerteza, a inseguridade e o medo do proceso de cancro que atravesan os seus seres queridos”, tal e como subliñou a rexedora.

Durante os actos, nos que se formou un lazo xigante de flores de cor rosa, símbolo de loita contra unha enfermedidade que afecta a unha de cada oito mulleres; a rexedora insistiu na importancia dun diagnóstico precoz, “a mellor ferramenta para loitar contra esta enfermidade, que a pesar de ter unha supervivencia de preto dun 85%, continúa a ser un dos principais problemas de saúde pública”.

“É necesario que o sistema sanitario público manteña probas como as mamografías dentro da carteira básica de servizos da Sanidade Pública, pois aumentan as posibilidades de curación ata o 80% nos casos que se detectan a tempo, pero tamén é necesario que se dote dos equipos multidisciplinares ás unidades de mama dos centros hospitalarios”, subliñou Lara Méndez, quen reivindicou “máis e mellores políticas en materia de detección, prevención, atención e control, capaces de reducir a mortalidade e mellorar a calidade de vida das doentes”, ante os recortes en materia de sanidade levadas a cabo polo Goberno Central.

“Non debe haber discriminación algunha nas prácticas de detección temperá nin nas terapias, nin por razóns económicas, nin de orixe, nin de residencia”, sentenciou a rexedora ao tempo que alentou ás mulleres que padecen cancro de mama a loitar.

Lectura dun manifesto e flores rosas

A Praza Maior acollerá mañá luns a lectura dun manifesto contra esta doenza, así como a construción dun lazo de flores. Nas inmediacións, ducias de voluntarios da AECC informarán sobre o labor que esta asociación leva a cabo dende hai uns 62 anos.

Multimedia

Noticias relacionadas