O Concello urxe á Xunta a pronunciarse sobre as opcións de traslado dos mexillóns para instalar canto antes a zona de baño no Miño

Mañá cúmprense dúas semanas da entrega da documentación que avala a compatibilidade da plataforma coa conservación do ecosistema fluvial.
 
“Cada día que demora a súa resposta, é un día máis no que a cidadanía non pode acceder ao Miño en condicións de seguridade para exercer o seu dereito a bañarse nel”, afirma o edil Miguel Fernández.

O Goberno local pide celeridade na resolución ao gozar xa da concesión e ter acreditado con informes técnicos a viabilidade da estrutura mesmo en condicións de seca.

Mércores, 28 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello urxe á Xunta a pronunciarse sobre as opcións de traslado dos mexillóns para instalar canto antes a zona de baño no Miño

A piques de cumprirse dúas semanas dende que o Concello trasladou á Xunta de Galicia o informe co resultado das prospeccións no Miño e as propostas de traslado dos mexillóns atopados na área na que se quere habilitar a zona pública de baño, o Executivo de Lara Méndez insta ao Goberno galego a comunicar a súa resolución.

“Estamos xa a finais de xuño e o tempo segue correndo para unha instalación que está chamada a ser útil durante tres meses ao ano, polo que urximos á Xunta a que nos comunique cal das dúas propostas considera a máis idónea para iniciar canto antes a traslocación das colonias de moluscos detectadas e poder colocar a estrutura co fin de que estea operativa o maior tempo posible”, sinalou o delegado da área de Transición Ecolóxica.

Miguel Fernández solicitou celeridade ao ente autonómico á vista de que a Administración local foi cumprindo con todos os pasos necesarios para acadar o seu visto bo.

“Alén de lembrar unha vez máis que dipoñemos dunha concesión de 25 anos para poñer a plataforma nese punto do río - por ser considerada unha ubicación viable tanto pola Confederación Hidrográfica como pola propia Xunta, que non se opuxo ao outorgamento do permiso – xa no mes de maio (o día 18) lle solicitamos poder realizar o análise da canle e, a continuación, lle entregamos o informe coas conclusións e as alternativas de trasalado das dúas especies de naiades que proliferan nese espazo. Pero é que ademais, xa durante o ano pasado, todos os estudos entregados xustificaban tecnicamente que a localización se adecuaba ás consideracións realizadas pola Xunta cando esta lle deu, en 2019, o seu beneplácito á autorización para instalar as piscinas nese emprazamento”.

O concelleiro de Medio Ambiente apunta tamén que será a CHMS, como responsable do control dos aproveitamentos do dominio público hidráulico, a que deba pronunciarse ao respecto de cuestións como o calado e a velocidade da auga nese treito, sendo competencia da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a protección da biodiversidade, “que neste caso e, segundo os informes entregados, está garantida ao demostrar que a zona de baño pública é perfectamente compatible coa supervivencia das especies protexidas existentes na canle fluvial”.

Aínda así, Fernández recordou que xa durante o pasado verán o Concello acreditou debidamente que os estudos de profundidade elaborados demostraban que “nin en plena época de seca como a vivida ese estío, a estrutura chegaría a tocar o leito do río aínda que se subiran ao mesmo tempo á plataforma 760 persoas de 80 kg de peso cada unha”.

“Pedimos, por tanto, á Xunta axilidade e, sobre todo, honestidade. Os informes, baseados estritamente en criterios técnicos consideran factible a instalación da zona de baño pública, sen prexudicar á contorna nin a fauna e flora que habita nela. Queremos que os e as lucenses poidan acceder ao Miño - no que teñen recoñecido o dereito a bañarse - dunha maneira segura e cómoda para todos os públicos, dende crianzas a maiores e mesmo persoas con mobilidade reducida. Queremos que o río - ao que xa se pode chegar dende distintas partes da capital dunha maneira confortable e agradable - forme parte da vida e do ocio da cidadanía e para iso estamos a traballar de forma responsable e rigorosa en prol da conservación do ecosistema sen que isto teña porqué minguar as prestacións ao alcance da veciñanza”, sostivo o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández incidiu en reclamar dilixencia ao Executivo galego. “Ata que non comunique a súa decisión, non poderemos iniciar os labores de traslocación dos mexillóns, diminuíndo así o número de días hábiles da zona de baño e privando a lucenses e visitantes de gozar do Miño, en condicións de seguridade e dun xeito gratuíto. Unha situación que xa sufrimos o ano pasado e contra a que estamos loitando dende o Concello para que non se volva repetir”, concluíu o edil.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre á espera dunha resposta da Xunta | Descargar mp3

Noticias relacionadas