O control policial aos locais de hostalaría se salda, no primeiro semestre do ano, con 35 denuncias e o peche de 4 establecementos

A rexedora, Lara Méndez, acompañada do Inspector da Xefatura de Lugo presentou hoxe un balance das actuacións que, coordinadas dende Alcaldía, desenvolveu a Policía Local dende o 1 de xaneiro

Durante o Estado de Alarma se tramitaron 389 propostas de sanción e 8 detencións, por infracción da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, logo de interceptar máis de 7.000 vehículos e identificar a preto de 4.000 persoas

A alcaldesa avanzou tamén as próximas campañas nas que o goberno incidirá durante o que resta de 2020. Entre elas, a reorganización do tráfico na cidade de cara ao inicio do vindeiro curso escolar

Xoves, 16 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O control policial aos locais de hostalaría se salda, no primeiro semestre do ano, con 35 denuncias e o peche de 4 establecementos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comparecía esta mañá xunto ao Inspector da Xefatura da Policía Local, Jesús Piñeiro, para facer un balance das intervencións desenvolvidas por este Corpo nos últimos meses. “Queremos poñer en valor o traballo desenvolvido e dar conta dos resultados desa tarefa previa de coordinación que realizamos conxuntamente cada semana cun claro obxectivo: garantir a seguridade e a convivencia cidadá, atendendo tamén ás preocupacións e demandas da veciñanza”, explicou a rexedora.

Lara Méndez salientou que a abordaxe da situación inaudita que propiciou a crise sanitaria obrigou ás autoridades e administracións a “resituar as prioridades afianzando a salvagarda e protección cidadá non só nese fundamento que xa era, senón facendo que prevalecera de xeito absoluto e con urxencia sobre calquera outra cousa. E, aínda que queremos destacar o comportamento exemplar que, de forma xeralizada, tiveron as e os lucenses durante todo o Estado de Alarma, isto non evitou que, ante determinados incumprimentos detectados, se tiveran que tramitar denuncias por non respectar as limitacións impostas polo Goberno Central para frear a expansión do COVID 19”.

Así, Jesús Piñeiro relatou que, dende o 14 de marzo se interceptaron un total de 7.104 vehículos e se identificou a 3.987 persoas cun resultado final de 8 detidos e 389 propostas de sanción por infracción á Lei Orgánica de Protección á Seguridade Cidadá.

“Ademais – indicou o Inspector – dende que a Xunta activou a situación de Emerxencia Sanitaria, se levantaron 33 actas a persoas maiores de 6 anos por non facer uso da máscara sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 3 actas por superar o aforo establecido en locais hostaleiros e outras 4 actas por permitir fumar no seu interior, o que atenta contra a Lei do Tabaquismo”.

Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou tamén que todos estes cometidos se levaron a cabo nunhas condicións de merma de efectivos para o Corpo, logo de que en xaneiro de 2019 sufriran preto dunha trintena de xubilacións.

“A incorporación, durante este primeiro ano de mandato, dun total de 22 axentes, xunto a outros 23 que o farán proximamente, contribuíu a paliar a situación tan deficitaria na que quedaron, un reforzo – admitiu - que serviu para ir mellorando na organización e funcionamento interno. Ao igual que acontece co incremento das dotacións e dos medios que puxemos á súa disposición, como a renovación, en xuño, dun cento de equipamentos individuais ou a adquisición de 5 vehículos policiais, actualmente en licitación que, estamos seguros, reverterán na calidade do servizo que se presta”, indicou Lara Méndez.

Control aos establecementos de hostalaría

A rexedora sinalou tamén que, outra parte importante das funcións que os axentes exerceron durante o confinamento foi a de atender as queixas por altercados e ruídos relacionados cun número moi minoritario de locais de hostalaría.

“O cumprimento da normativa pola que se rexen estes negocios é unha preocupación, para nós fundamental, de maneira que as directrices establecidas dende o Concello foron, dende hai xa moitos meses as de estreitar o control aos mesmo para poñer fin aos prexuízos que poidan ocasionar. Sempre dentro das competencias que nos corresponden, queremos enviar unha mensaxe, tranquilizadora para a veciñanza pero contundente para aqueles que contraveñen a lei, de que o Concello de Lugo e a Policía Local están a actuar para conxeniar o beneficio empresarial cos dereitos de todas e todos”.

Jesús Piñeiro detallou, neste caso, que as 31 inspeccións que se levaron a cabo neste tipo de establecementos se saldaron con 14 actas de infracción por exceder en horario de peche, 7 actas por ter instalado un equipo de reprodución musical sen autorización, 2 actas por exercer a actividade sen título habilitante e outras 2 por exercer a actividade coas portas abertas cando pola súa categoría téñeno prohibido segundo a ordenanza de contaminación acústica e 8 actas máis por instalar terraza carecendo de autorización. Ademais precintáronse equipos de reprodución musical en 4 locais e notificáronse decretos de peche a outros 4, o último deles en Camiño Real e aos que hai que engadir outro que se atopa en proceso, na rúa Tui”.

Outros dispositivos ordinarios

Así mesmo, Lara Méndez mencionou outros dos dispositivos ordinarios desenvolvidos pola Policía Local entre os que se atopan a prestación de auxilio cidadá, os filtros de velocidade - nos que se controlou a máis de 20.000 vehículos e se tramitaron 1.457 denuncias a condutores - ou a retirada de automóbiles abandonados na vía pública. “Unha campaña coa que xa conseguimos liberar as rúas da capital de case un cento de turismos e furgonetas que foron trasladados ao depósito municipal, mellorando o impacto medioambiental e visual que ocasionaban á cidade”, sostivo.

Pola súa parte, Jesús Piñeiro trasladou que, nestes meses, tamén “foron numerosos os operativos de vixilancia de carreiras ilegais, especialmente no polígono industrial de As Gándaras, Ceao e chaira do Pazo Universitario. Realizáronse denuncias administrativas por carencia de SOA, ITV, condicións técnicas e reformas de importancia non autorizadas. Así mesmo practicáronse probas de alcoholemia e drogas e instruíronse atestados por delitos contra a seguridade viaria por condución temeraria e baixo os efectos de bebidas alcohólicas”, abondou o Inspector da Xefatura de Lugo.

Xa con relación ás próximas actuacións que se levarán a cabo, a alcaldesa apuntou á que garda relación co vindeiro inicio do curso escolar e a vixilancia do tráfico nas contornas educativas e “na que o executivo, responsablemente, está a traballar con moita previsión sen perder de vista, iso si, a evolución da pandemia. O que nos leva, igualmente, a confirmar a mellora da situación que propiciou a campaña de concienciación iniciada o pasado exercicio, na que se permitían dez minutos de marxe para deixar e recoller ás crianzas nos centros e coa que se acadou unha diminución significativa da presenza de vehículos en dobre fila e tamén de sancións”.

Agradecementos

Antes de rematar, a rexedora enxalzou o labor desenvolvido pola Policía Local durante todos estes meses, recoñecendo publicamente a súa implicación e esforzo ao tempo que o Inspector Jesús Piñeiro fixo tamén un agradecemento a todas as persoas e entidades que durante a crise sanitaria colaboraron co Corpo de seguridade mediante doazóns de material e outros recursos que axudaron ao desempeño do seu labor.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o control nos locais de hostalaría| Descargar mp3
  • O inspector da Xefatura da Policía Local, Jesús Piñeiro, sobre as sancións nos locais de hostalaría| Descargar mp3

Multimedia

  • O control policial aos locais de hostalaría se salda, no primeiro semestre do ano, con 35 denuncias e o peche de 4 establecementos
  • O control policial aos locais de hostalaría se salda, no primeiro semestre do ano, con 35 denuncias e o peche de 4 establecementos
  • O control policial aos locais de hostalaría se salda, no primeiro semestre do ano, con 35 denuncias e o peche de 4 establecementos

Noticias relacionadas