O Edificio de Novas Tecnoloxías arranca mañá a súa actividade formativa cunha master class de fotografía artística dixital

Impartida polo artista multidisciplinar lucense Álvaro L. Barreiro, a sesión abordará o uso de programas e técnicas como o photoshop, ligthroom ou after effects. A entrada é libre ata completar aforo

A programación de actividades do novo espazo TIC do Concello, de acceso libre e gratuíto, inclúe 10 obradoiros con 150 prazas gratuítas para todas as idades. Terán lugar entre o vindeiro luns e o 30 de xuño

Venres, 26 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Edificio de Novas Tecnoloxías arranca mañá a súa actividade formativa cunha master class de fotografía artística dixital

A Concellería de Concello e Cidadanía, que dirixe Rosana Rielo, arrancará mañá a actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías, anexo á casa consistorial e rehabilitado con fondos do plan URBAN, cunha masterclass sobre fotografía artística dixital. O artista multicisciplinar lucense, Álvaro L. Barreiro, con milleiros de seguidores nas redes sociais, conducirá a sesión, que terá lugar de 17:00 a 19:00 horas, na sala de Usos Múltiples, e abordará o uso de programas e técnicas como photoshop, ligthroom ou after effects, entre outros. A entrada será libre ata completar o aforo.

A programación de actividades no novo espazo TIC do Concello, de acceso libre e gratuíto, inclúe 10 obradoiros con 150 prazas gratuítas para todas as idades, que terán lugar dende o vindeiro luns ata o 30 de xuño. A iniciativa tivo unha gran acollida e a día de hoxe xa están cubertas moitas prazas, polo que os interesados deben dirixirse canto antes ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición realizarase ata as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio de cada curso.

Os menores de idade deberán contar coa autorización dun titor legal. Cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos. Só no caso de que queden prazas libres se poderá  admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso aos cursos será por sorteo, que se realizará ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición. A lista de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para poder recibir o diploma.

Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, internet seguro, posicionamento web e seo, redes sociais, retoque fotográfico co smartphone, compra e venda online, e creación de aplicacións móbiles.

Toda a información sobre o programa, en www.lugo.gal

Noticias relacionadas