O Plan de Turismo Sostible do Concello de Lugo protagonista nun seminario de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal

Mauricio Repetto presentou esta estratexia e as actuacións realizadas polo goberno municipal para mellorar a accesibilidade ao patrimonio histórico nun foro en Vila Real.

“Este plan permitirá posicionarnos como un destino enogastronómico mediante un conxunto de actuacións no eido da transición dixital, a eficiencia enerxética, a competitividade e a transición verde e sostible”, destacou o edil.

Xoves, 18 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan de Turismo Sostible do Concello de Lugo protagonista nun seminario de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal

O Plan de Sostibilidade Turística “...Et edendo, Lucus: un recorrido histórico pola enogastronomía”, promovido polo Executivo de Paula Alvarellos para o que o Concello acadou unha achega de 2 millóns de fondos europeos Next Generation, e as actuacións realizadas polo goberno municipal para mellorar a accesibilidade ao patrimonio histórico e arqueolóxico da cidade foron protagonistas no IV Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do turismo celebrado este xoves no municipio luso de Vila Real.

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou na primeira mesa redonda da xornada baixo o título “Cidades e eventos accesibles”, na que expuxo os obxectivos deste Plan que “permitirá posicionar ao municipio de Lugo como un destino enogastronómico mediante un conxunto de actuacións no eido da transición dixital, a eficiencia enerxética, a competitividade e a transición verde e sostible”.

Por outra banda, o concelleiro lembou que “o Concello de Lugo leva dende o ano 2006 aplicando a perspectiva da accesibilidade nos grandes programas de investimento que se foron executando e se están a executar para conseguir unha cidade sen barreiras, tanto para a veciñanza lucense, como para as persoas que cada ano nos visitan” e apuntou como exemplo o proxecto Corazón Verde entre Murallas, co que o executivo municipal está a completar a peonalización integral do Centro Histórico do municipio, así como outros programas como a EDUSI Muramiñae, a través da cal se humanizaron espazos públicos e se rehabilitaron equipamentos e instalacións para fomentar unha accesibilidade plena.

“O Plan de Sostibilidade Turística tamén nos permitirá avanzar na implantación da accesibilidade no modelo de xestión turística na cidade de Lugo, ampliando o noso ámbito de intervención de accesibilidade física no espazo público á accesibilidade experiencial e visual”, apuntou o responsable de Dinamización Económica, que tamén foi encargado de moderar a segunda mesa redonda da xornada baixo o título “Ocio accesible”.

No IV Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do turismo, organizado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, participaron representantes de municipios e cidades de Galicia e de Portugal como Vila Real; Santa Maria da Feira; Barcelos; Fafe; Matosinhos ou Ourense.

Multimedia

  • O Plan de Turismo Sostible do Concello de Lugo protagonista nun seminario de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal
  • O Plan de Turismo Sostible do Concello de Lugo protagonista nun seminario de intercambio de experiencias entre Galicia e Portugal

Noticias relacionadas