O edificio Impulso Verde implantará un Sistema de Cadea de Custodia que garante a xestión sostible da madeira empregada

A alcaldesa mantivo este xoves un encontro con membros de FSC España e da dirección de obra do inmoble, que se está a executar no entorno da Garaballa.

Lara Méndez: “Apostamos pola madeira como materia prima para un novo modelo de construción menos contaminante, garantindo unha xestión forestal sostible”.

O edificio, que se enmarca no proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, será o primeiro de España que acade a máxima certificación de sustentabilidade.

Xoves, 08 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edificio Impulso Verde implantará un Sistema de Cadea de Custodia que garante a xestión sostible da madeira empregada

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este xoves con membros de FSC España (Forest Stewardship Council) e da dirección de obra do edificio Impulso Verde para avanzar na súa certificación co selo FSC. Neste senso, a rexedora avanzou o compromiso municipal para a implantación dun Sistema de Cadea de Custodia para o proxecto de construción deste inmoble, a través do que se garante que a materia prima empregada provén de fontes legais e, polo tanto, que os contratistas e provedores da obra fornécense de produtos obtidos en áreas próximas a Lugo e que realizan unha xestión forestal responsable e sostible.

Neste senso, Lara Méndez apuntou que “dende o Concello apostamos pola madeira, un dos principais recursos naturais dos que dispoñemos no noso territorio, como materia prima para un novo modelo de construción máis respectuosa co medio ambiente e menos contaminante. Facémolo, ademais, garantindo unha xestión forestal sostible, próxima e nunhas condicións de seguridade e igualdade no traballo, políticas que aplicamos tanto no proxecto Impulso Verde, como na actividade municipal”. 

O novo edificio Impulso Verde que o Goberno de Lara Méndez está a executar no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico será o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en  encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

Toda a estrutura da pioneira construción “de quilómetro cero”, que está feita en madeira certificada 100% procedente da Mariña Lucense, foi tratada en plantas de Alfoz e Trabada e integrada en estruturas de paneis contralaminados CLT de alta calidade técnica que estes días instala a empresa adxudicataria do proxecto.

Grazas a este distintivo, o edificio Impulso Verde converterase nun novo referente internacional no ámbito da construción sostible. Outros famosos proxectos certificados FSC no mundo son o Canary Wharf Crossrail  Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn.

Este edificio estase a executar no marco do proxecto europeo LIFE Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, no que participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. Ademais, o proxecto está cofinanciado polo instrumento LIFE da Unión Europea e pola Deputación de Lugo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reunión cos membros de FSC España (Forest Stewardship Council) | Descargar mp3

Noticias relacionadas