O Goberno de Lara Méndez autoriza a xestión da nova pista de motocross Jorge Prado de Teixeiro por parte do Club Motopark Lugo

A entidade deportiva lucense será a encargada de xestionar o circuíto durante un período máximo de cinco anos, achegando un canon anual de 2.150 euros.

Lara Méndez: “As instalacións estarán dispoñibles a partir deste verán para o seu uso por parte das e dos afeccionados a esta disciplina deportiva en auxe”.

Será unha pista referente no noroeste peninsular e única en Galicia polas súas características, podendo albergar competicións a nivel internacional.

Mércores, 15 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez autoriza a xestión da nova pista de motocross Jorge Prado de Teixeiro por parte do Club Motopark Lugo

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local, celebrada este mércores, a autorización para a xestión por parte do Club Motopark Lugo do novo circuíto de motocross Jorge Prado, situado nunha parcela municipal na parroquia de Teixeiro. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “esta entidade deportiva lucense será a encargada de xestionar a pista durante os próximos tres anos, ata un máximo de cinco, achegando un canon anual de 2.150 euros”.

“Deste xeito, damos un paso máis para a apertura destas instalacións, que a partir do vindeiro mes estarán a disposición de todas e todos os afeccionados ao motocross do municipio, unha modalidade deportiva en auxe, grazas, en gran parte, aos éxitos acadados polo piloto lucense Jorge Prado nos últimos anos”, apuntou a alcaldesa.

Lara Méndez lembrou a aposta do executivo municipal para a posta en marcha deste novo circuíto “que será un referente no noroeste peninsular e unha pista única en Galicia polas súas características, podendo acoller competicións mundiais”. Neste senso, a entidade beneficiaria da concesión estará obrigada a compatibilizar o uso do circuíto coa celebración de eventos deportivos programados polo Concello nestas instalacións.

O Club Motopark Lugo encargarase, así mesmo, da execución dun programa de mantemento e conservación da instalación, que se estima en 31.400 euros anuais. Deste xeito, deberá facerse cargo de diferentes labores de mantemento, entre as que se atopan: a súa limpeza diaria, tanto das zonas de aparcamento, paddock, zonas de público e demais espazos verdes do recinto; o desbroce e limpeza do entorno; ou o mantemento do circuíto, cos medios mecánicos necesarios, para a recuperación do trazado, logo de cada sesión de adestramentos ou, no seu caso, de celebrarse unha competición.

Segundo lembrou o concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, a adxudicataria deberá presentar unha memoria anual da actividade realizada con detalle do número de usuarios, cuotas ou entradas abonadas pola utilización da pista, así como os gastos asumidos e realizados. “No caso de que os ingresos obtidos superen os custos reais reflectidos en dita memoria, este exceso deberá destinarse a melloras na parcela ou aos fins que se acorde co Concello, para atender os gastos ou custos derivados das actuacións municipais no circuíto”, apuntou.

Así mesmo, a entidade que resultou autorizada deberá contratar un seguro de cobertura de responsabilidade civil, que cubra os accidentes dos usuarios, do persoal de mantemento e os diferentes operarios que realicen tarefas nas instalacións.

Características da nova pista Jorge Prado

O novo circuíto Jorge Prado, executado polo Concello en terreos municipais na parroquia de Teixeiro, conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.

A parcela conta tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservarase unha zona para realizar cronos de enduro. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez autoriza a xestión da nova pista de motocross Jorge Prado de Teixeiro por parte do Club Motopark Lugo

Noticias relacionadas