O Goberno de Lara Méndez pon en marcha unha nova convocatoria de axudas ao talento deportivo lucense

A área de Deportes habilitará unha partida de 26.000 euros para recoñecer o esforzo e a capacidade de superación da mocidade lucense.

Poderán concorrer a estas achegas as persoas federadas que naceran entre 2004 e 2009 e que acrediten logros deportivos na pasada tempada.

Mércores, 02 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez pon en marcha unha nova convocatoria de axudas ao talento deportivo lucense

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores unha nova convocatoria de bolsas municipais ao talento deportivo, por importe de 26.000 euros, coas que se pretende recoñecer o esforzo e a capacidade de superación da mocidade lucense. Trátase das axudas para deportistas individuais ás que poderán concorrer as persoas federadas que naceran entre 2004 e 2009 e que acrediten logros deportivos na pasada tempada.

“A través desta iniciativa buscamos recoñecer o mérito das e dos deportistas máis novos, pero tamén enxalzar a capacidade de superación que transmiten ao conxunto da sociedade co seu esforzo”, explicou Jorge Bustos, edil responsable da área de Deportes do Concello, quen subliñou que se apoiará a “aqueles rapaces e rapazas que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como nacional, na pasada tempada”.

Deste xeito, tal e como se recolle nas bases, se terán en conta para o seu outorgamento a puntuación acadada en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto) así como, entre outras variables, ter superado o curso académico.

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e poderán entregalas, xunto co resto da documentación que se require, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben empregando os medios que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

“O noso obxectivo é fomentar a práctica de actividade física e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental que poidan contar cunha cobertura económica axeitada que, entre outros gastos, atenda aos derivados do necesario reforzo educativo que precisan”, explicou o responsable de Deportes.

O Concello de Lugo entrega as axudas ao Talento Deportivo Individual desde o ano 2008 co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, para o que se valora tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores e receptoras das mesmas máis de 650 deportistas.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez pon en marcha unha nova convocatoria de axudas ao talento deportivo lucense
  • O Goberno de Lara Méndez pon en marcha unha nova convocatoria de axudas ao talento deportivo lucense

Noticias relacionadas