O Impulso Verde continúa a recibir visitas de centros educativos e emprendedores de toda España afianzando o seu labor divulgativo

Este xoves, o edificio municipal albergou unha visita guiada na que participaron alumnos ourensáns de albanelería e emprendedores/as interesados/as no seu modelo construtivo.

Estas visitas coinciden tamén coa programada para que o PP local coñeza as instalacións, xa que dende que se comezou a construir e se inaugurou o inmoble non mostraran interese.

Xoves, 31 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde continúa a recibir visitas de centros educativos e emprendedores de toda España afianzando o seu labor divulgativo

O edificio municipal Impulso Verde, situado na Garaballa, continúa a recibir visitas de centros educativos e emprendedores de toda España. Así, este xoves o pioneiro inmoble albergou unha visita guiada na que participaron alumnos de albanelería do obradoiro de emprego Vía da Prata II do Concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

Á mesma tamén asistiron emprendoras e emprendedores interesados en coñecer o seu modelo construtivo, baseado na madeira, para a posta en marcha de novos proxectos inspirados no edificio lucense, empregando este material como principal elemento de construción.

Estas visitas coincidiron tamén coa programada para que o grupo municipal do PP coñecese as instalacións, logo de que o Executivo respondese positivamente á súa petición para visitar por primeira vez o inmoble, xa que dende que se comezou a construir e se inaugurou a dotación aínda non mostraran interese en coñecela.

 “Esta visita chega logo de que por el pasaran xa, incluso durante a súa construción, centos de expertos e profesionais de todo o mundo en urbanismo, arquitectura ou cambio climático, así como autoridades da Comisión Europea e institutos e colexios de Lugo, Galicia e o resto de España”, lembrou a portavoz municipal, Paula Alvarellos.

A tenenta de alcaldesa felicitouse de que “por fin decidiran coñecer estas instalacións municipais que non só obtiveron recoñecementos a nivel nacional e internacional, senón que son un referente construtivo e de desenvolvemento urbanístico sostible incluso para a propia Xunta de Galicia, que incluíu o inmoble como exemplo na guía didáctica das construcións en madeira, recoñecidas pola súa calidade arquitectónica e deseño innovador, para impulsar o sector forestal”.

A visita do PP chega despois de que as instalacións acolleran –dentro da súa funcionalidade didáctica– a centos de profesionais e expertos, colectivos profesionais, institucionais e educativos de toda a provincia, a comunidade galega, o estado e tamén de Europa e outros continentes, pola súa relevancia como emblema do crecemento que deben experimentar as cidades medias do futuro, como modelo dunha economía verde e circular e como exemplo dunha arquitectura consciente da emerxencia climática e proactiva para combatela.

Audio

 

Noticias relacionadas