Os museos do Concello gañan no 2018 un 11,5% de visitantes con respecto ao 2016 e un 6% máis que no 2017, chegando a uns 30.000 visitantes

Das visitas ao Centro Arqueolóxico de San Roque, á Casa dos Mosaicos, ao MIHL e á Sala de Exposicións Porta Miñá, o 86% dos turistas procede do territorio nacional e o 14% é turismo foráneo

No relativo ao movemento de visitantes nacionais, destacan as visitas procedentes de Madrid, Castela e León e Asturias. No que se refire ao foráneo, Estados Unidos, Brasil e Xapón foron os países emisores que máis aumento tiveron no 2018

Martes, 22 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os museos do Concello gañan no 2018 un 11,5% de persoas visitantes con respecto ao 2016, e un 6% tendo en conta as cifras do ano 2017. En total, visitaron o  Centro Arqueolóxico de San Roque, a Casa dos Mosaicos, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e a Sala de Exposicións Porta Miñá preto de 30.000 persoas.  

Destas visitas, o 86% dos turistas procede do territorio nacional, e o 14% é turismo foráneo, representando un 11% máis con respecto ao 2016. No relativo ao movemento de visitantes nacionais, destacan as visitas procedentes de Madrid, Castela e León e Asturias, que representan un 25% do total do turismo nacional. Tamén é salientable a visita de persoas de Cataluña, País Vasco, Valencia, Cantabria e Andalucía, así como das illas Baleares e das Canarias.

No que se refire aos visitantes foráneos, polas instalacións municipais pasaron cidadanás de Gran Bretaña, Arxentina, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Estados Unidos, Brasil e Xapón. Estes últimos países emisores foron os que máis aumento tiveron no 2018, con respecto ao 2016, un 27%, un 38% e un 28%, respectivamente.

Para a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, este importante aumento das visitas "é unha gran noticia para Lugo, pero ao mesmo tempo, un reto que nos obriga a todos os sectores impolicados, dende o Concello  á hostelería, asociacións e cidadanía en xeral, a seguir traballando nos activos turísticos de Lugo".  

Tendo en conta os meses do ano que maior número de visitas rexistraron, dependendo do museo ou centro expositivo destacan uns ou outros. O Cento Arqueolóxico de San Roque rexistrou o maior movemento en novembro e agosto, o MIHL en marzo e abril e a Casa dos Mosaicos en xuño e agosto, ao igual que Porta Miñá. 

Carmen Basadre destacou que acoden mañá mércores e xoves a FITUR con moita ilusión e facendo gala deste 2018, no que non só aumentou o turismo na Oficina Municipal de Turismo (un 29% con respecto ao ano anterior), senón tamén nos museos. Co aval destas cifras e o obxectivo de avanzar en situar a Lugo como un destino de sensacións e experiencias, o Concello presentará no marco desta feira, que acolle IFEMA en Madrid, a súa nova campaña, Saber e sabor

Audio

Noticias relacionadas