Maite Ferreiro anuncia unha nova exposición que amosará as pezas tradicionais da cerámica dos centros alfareiros de Lugo

Entre 200 e 300 cerámicas exhibirán no Vello Cárcere as semellanzas e as diferenzas entre as pezas realizadas nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo.

No proxecto colaboran tamén a Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago e a FECYT.

Xoves, 22 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro anuncia unha nova exposición que amosará as pezas tradicionais da cerámica dos centros alfareiros de Lugo

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou a nova exposición que ocupará o espazo expositivo do Vello Cárcere de Lugo. ‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ amosará, dende o 29 de febreiro ata o 17 de maio, unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Maite Ferreiro indicou que esta mostra “permite ofrecer, con enfoque máis ben científico, unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza”, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC, aclarou a concelleira.

Na exposición que reflectirá as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, “valorarase a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas”, explicou Ferreiro. Ademais, a mostra “contará con paneis informativos que proporcionarán a máxima información a todas aquelas persoas que se acheguen a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico”, indicou a concelleira de Cultura.

Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ disporá tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollerán todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sobre a nova exposición no Vello Cárcere | Descargar mp3

Noticias relacionadas