A Ronda da Muralla, entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario, quedará pechada ao tráfico dende luns

O Concello restrutura o tráfico con motivo deste corte, que previsiblemente se prolongará durante dúas semanas para executar as obras de asfaltado

Venres, 22 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O tramo da Ronda da Muralla, entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario, quedará pechado ao tráfico dende as 08:00 horas do vindeiro luns, 25 de abril, e, previsiblemente, ao longo de dúas semanas, para executar as obras no último tramo da obra de asfaltado que o Concello está a levar a cabo na Ronda da Muralla. Así o anunciou este venres o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen adiantou que estas obras, que contan cun orzamento total de 208.000 euros, continúan cos prazos establecidos.  

Para garantir a mobilidade do tráfico rodado, establécense as seguintes medidas en materia de seguridade e circunstancial:

  • Dende a Praza de San Fernando ata a Praza Bispo Odoario canalizarase o tráfico pola Avenida da Coruña. Así mesmo, dentro da obra manterase un acceso que facilite a entrada a vehículos de emerxencia e permitirase a entrada e saída aos garaxes debidamente sinalizados. Do mesmo xeito anularanse todas as zonas de estacionamento e servizos dispostos no tramo afectado.
  • No que se refire ao bus urbano, as paradas afectadas polo corte trasladaranse ao número 69 da rúa Concepción Arenal, á rúa Tui, número 4, e á rúa Tino Grandío, instalando carteis informativos de dito cambio nas 3 paradas anuladas temporalmente.
  • Tamén se reubicarán os colectores de residuos situados en fronte ao inmoble nº 101 da Ronda da Muralla, á saída da Porta de San Fernando, paralelos á zona de acopio de material.
  • Quedará restrinxida a circulación en sentido entrada da cidade pola Avenida da Coruña dende a rúa Tino Grandío, establecéndose o desvío provisional por esta última.
  • No tramo da Avenida da Coruña, comprendido entre a Ronda da Muralla e a rúa Concepción Arenal, habilitaranse 2 únicos carrís de circulación, ambos en sentido saída da cidade, destinándose o esquerdo para o cambio de dirección cara a rúa Concepción Arenal. Os garaxes legalmente autorizados deberán acceder dende a Ronda, é dicir, en sentido saída da cidade.
  • Non se permitirá o acceso á Ronda dende Camiño Real.
  • Modificarase a preferencia de paso no cruce da rúa Concepción Arenal con Camiño Real.
  • Dende  a rúa da Xesta impedirase a saída de vehículos á Ronda, facilitando a saída pola rúa Concepción Arenal.
  • No tramo da rúa Ourense, entre a rúa Concepción Arenal e Ronda da Muralla, establecerase un doble sentido de circulación para residentes e servizos.

Todos estes cambios estarán debidamente sinalizados.

Apertura progresiva dos carrís no 1º tramo de actuación

Ademais, ao longo do día de hoxe vaise proceder á apertura progresiva do tráfico dos carrís da Ronda e das rúas afectadas polas obras que se están a desenvolver no primeiro tramo, entre a rúa San Roque e a metade da Praza Asturias, restablecéndose as zonas de calzada destinadas aos servizos e estacionamento de vehículos.

O firme da calzada aínda está en obras, polo cal o Concello recomenda circular con especial atención e adaptar a súa velocidade á estipulada pola sinalización circunstancial da obra.

A entidade local realiza as actuacións de mellora en varias fases para poder garantir a mobilidade, tanto de vehículos como de peóns. Deste xeito, estableceu tres tramos, entre a Rúa San Rqoue e a metade da Praza Asturias, entre a outra metade da Praza Asturias e a Avenida da Coruña e un terceiro entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario. 

Noticias relacionadas