Unha startup de solucións tecnolóxicas gandeiras será a segunda empresa en recibir apoio do fondo emprendedor do Concello de Lugo

A alcaldesa, impulsora da estratexia, anunciou hoxe que Innogando recibirá 300.000 € de financiación para fortalecer a súa rede comercial, contratar novos perfís e mellorar o posicionamento de mercado.

A compañía, integrada por 16 gandeiro/as, veterinario/as e enxeñeiro/as aspira a conformar un equipo de 55 persoas en 2026, multiplicando por case 3’5 o seu cadro actual e co compromiso de crear emprego na capital.

O Comité de Investimentos do Lugo Transforma analiza agora 25 proxectos máis, algún deles bastante avanzados e que poderían formalizarse proximamente.

Xoves, 16 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha startup de solucións tecnolóxicas gandeiras será a segunda empresa en recibir apoio do fondo emprendedor do Concello de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer esta mañá á segunda das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha iniciativa pioneira posta en marcha durante a pandemia por impulso da rexedora co obxectivo de favorecer a diversificación industrial do municipio tomando como base a creación de emprego de calidade e estable.

Acompañada polo Conselleiro Delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, e polo interventor municipal, Manuel Vázquez, Lara Méndez deu a benvida a Innogando como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.

“Trátase dunha startup - asentada orixinariamente na Graña (Abadín) pero que na actualidade ten a súa sede no polígono do Ceao - que naceu no ano 2020 coa vocación de desenvolver solucións tecnolóxicas que permitan a monitorización en tempo real dos animais dunha explotación”, avanzou.

“Cumprindo co seu lema, ‘Creando Benestar’, mesturan natureza e tecnoloxía para dixitalizar e automatizar os procesos do negocio gandeiro relacionados principalmente cos aspectos operativos ou produtivos e, sobre todo, cos encamiñados á análise de datos para mellorar a rendibilidade da explotación pero tamén a calidade de vida dos animais e dos gandeiros xa que as súas ferramentas permiten dixitalizar fluxos de traballo diarios da granxa como a detección intelixente de reses enfermas, de celos ou de fuxidas e roubos, xestión de custos ou rastrexabilidade dixital e control de stocks”, relatou a alcaldesa.

Lara Méndez fixo fincapé en que,”co acompañamento de Lugo Transforma, do que recibirá 300.000 €, Innogando poderá afrontar o fortalecemento da súa rede comercial e contratar outros perfís profesionais como persoal de administración, marketing, etc, indicindo no posicionamento que ten no mercado para escalar en vendas en converterse en líderes do sector”, afirmou a rexedora.

“A previsión coa que traballan é realmente optimista permitindo sinalar un horizonte, en 2026, dun equipo de 55 persoas que multiplicará por case 3’5 o seu cadro de persoal formado, neste momento, por 16 gandeiro/as, veterinario/as e enxeñeiro/as informático/as e electrónico/as”, engadiu Méndez, ao tempo que anunciou o compromiso da empresa de crear ese emprego en Lugo.

A este respecto, Elio López García e Daniel Pardo Rus – cofundadores e CEO e CTO, respectivamente, de Innogando - agradeceron o apoio do Concello e relataron que as súas expectativas da man do Lugo Transforma “pasan pola internacionalización xa que actualmente estamos traballando en toda España, con máis de 350 clientes en carteira e 10.000 animais monitorizados na península, especialmente en Galicia, Cataluña, Extremadura e Castela e León pero tamén vimos de pechar un acordo de distribución cunha multinacional para a comercialización en Portugal e o impulso deste fondo será un respaldo fundamental nese crecemento que tamén se dirixe cara Irlanda e Sudamérica”, avanzaron.

Neste sentido, Jesús Torres, de Torsa Capital, puxo en valor as posibilidades de Innogando, á que lle atribuíron “os bimbios necesarios para converterse nunha empresa punteira na dixitalización do sector gandeiro, mellorando a rendabilidade das granxas xa que en só dous anos conseguiron posicionarse como marca no sector e cun crecemento moi interesante capaz de atraer o apoio, tamén o económico, de inversores da talla de Zendal, Xesgalicia ou Vigo Activo”, referiu.

Antes de concluír, a rexedora lucense destacou a transcendencia de que a estratexia se vaia consolidando “e que o faga, neste caso, da man dun proxecto centro no rural - un sector tractor na provincia e no municipio – que achega solucións tecnolóxicas con capacidade de atraer e asentar poboación”.

“Non podemos perder de vista que Lugo Transforma xurdiu nun momento moi complexo no que as redes de colaboración público – privada resultaron esenciais para contrarrestar o decaemento inversor por parte da iniciativa privada e, por tanto, este fondo de capital risco está chamado a ser un berce de oportunidades para as vindeiras xeracións e para o conxunto do municipio tamén dende un punto de vista territorial”, dixo Lara Méndez.

Por outra parte, o Conselleiro Delegado da xestora indicou, que “nestes momentos, e con arredor de 60 proxectos interesados no fondo, hai xa 25 en diferentes fases de análise, moitos deles de fóra de Lugo e de Galicia, estando moi avanzados dous ou tres máis cuxas propostas de investimento agardamos poder presentar no próximo Comité”, adiantou.

Jesús Torres quixo lembrar tamén que o fondo aterrará sobre aproximadamente 50 empresas e, extrapolando resultados de experiencias similares, se estima que favorecerá a creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanáne Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Presentación de Innogando | Descargar mp3
  • O CEO de Innogando, Elio López García, sobre a Presentación de Innogando | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, sobre a Presentación de Innogando | Descargar mp3

Multimedia

  • Unha startup de solucións tecnolóxicas gandeiras será a segunda empresa en recibir apoio do fondo emprendedor do Concello de Lugo

Noticias relacionadas