Urbanismo pon ao día, en catro meses e cun Plan de Choque, todas as licenzas pendentes no rural

Dende xullo e ata novembro, foron revisados e informados medio cento de expedientes con máis de tres anos de antigüidade que ficaban inconclusos.

Só na Xunta de Goberno de hoxe, o executivo de Lara Méndez outorgou outras 8 licenzas urbanísticas, 6 delas para acometer diferentes intervencións nos núcleos.

Miguel Couto apremia aos promotores das que aínda non se concederon a subsanar as deficiencias detectadas nos proxectos, nomeadamente no caso das que optan ás subvencións do Plan Mellora para explotacións agrícolas.

Mércores, 25 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo pon ao día, en catro meses e cun Plan de Choque, todas as licenzas pendentes no rural

A área de Urbanismo Sostible vén de poñer ao día, en catro meses, todas as licenzas pendentes no rural.

Miguel Couto sinalou que dende mediados de xullo, cando se puxo en marcha un Plan de Choque que prevía a incorporación de máis persoal, se procedeu a revisión e posta ao día de todos os expedientes que ficaban inconclusos e que tiñan unha antigüidade superior aos tres anos.

“En paralelo ao traballo ordinario foron, en total, 43 os procesos que se reanudaron. Os que aínda non se resolveron foi porque conteñen deficiencias, xa notificadas aos particulares, que deben corrixir para acadar a súa validación”, sostivo o edil.

Couto quixo poñer en valor o labor realizado polos técnicos municipais de Urbanismo e Medio Rural, xa que coa súa dedicación posibilitaron que nestes meses se autorizaran  28 actuacións máis de distinta índole como pode ser a construción de vivendas unifamiliares, melloras en edificacións existentes e mesmo reparcelacións.

“De feito, esta mesma mañá aprobáronse, en Xunta de Goberno, 8 licenzas máis e 6 delas eran para acometer obras no rural como a creación dunha nova explotación de polos no límite entre o Veral e Santa María Alta ou a ampliación doutra dedicada ao vacún de carne en Belesar”, refiriu o concelleiro.

Ao respecto das mesmas, Miguel Couto explicou que o vindeiro 15 de decembro finaliza o prazo para concorrer ao Plan Mellora. Unha subvención autonómica que os gandeiros lucenses poden solicitar para sufragar os custos das intervencións que realicen nas súas instalacións.

“Dende o Concello tramitamos estes días, precisamente, unha ducia de licenzas que se poden acoller a estas axudas. Catro delas xa foron outorgadas hoxe pero o resto  seguen pendentes de que os seus promotores subsanen as eivas atopadas nos expedientes” e indicou que para axustarse aos tempos, é necesario que os interesados aporten a documentación e corrixan as eivas detectadas “xa que só dispoñemos de dúas semanas máis para rematar os procedementos co fin de que entren en prazo”.

O responsable de Urbanismo Sostible, subliñou, neste sentido, que nas últimas semanas tanto a súa área como  a de Medio Rural están centralizando os seus esforzos na resolución deste tipo de licenzas. “Trátase dun compromiso conxunto e unha aposta decidida por apoiar o sector, aos produtores e ás iniciativas que traerán futuro ao noso concello, que axudarán a crear riqueza e emprego e que contribuirán a asentar poboación e dinamizar as parroquias”, concluíu Miguel Couto.

Audio

  • O edil de Urbanismo, Miguel Couto, sobre a actualización das licenzas no rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas