A Xunta de Goberno aproba as bases para contratar 6 socorristas no verán, na contorna do río Miño

Contrataranse 2 socorristas a través dunha subvención autonómica e outros 4 que asumirá o Concello con fondos propios

Martes, 11 de xuño de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno celebrada este martes deu luz verde ás bases de selección para a contratación de 6 socorristas, que desenvolverán labores de vixianza e salvamento acuático durante os meses de verán na contorna do río Miño.

Tal e como explicou o Voceiro Municipal en funcións, Miguel  Fernández, contrataranse 2 socorristas a través dunha subvención autonómica e outros 4 que asumirá o Concello con fondos propios. Para este verán, a Administración Autonómica recortou un 60% ao Concello de Lugo a axuda económica para a contratación de socorristas, pasando, despois de catro anos concedendo a Lugo 15.000 euros, a 6.000 euros.

A selección do persoal realizarase entre os candidatos proporcionados polo servizo galego de emprego. No caso dos 2 socorristas subvencionados pola adminsitración autonómica, as persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que eta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego. No que se refire aos 4 socorristas dos que se fai cargo o Concello, deberase publicar anuncio no BOP, para que durante un prazo mínimo de 5 días hábiles as persoas interesadas presenten instancia solicitando participación na proba práctica. No caso de que queden desertas, cubriranse estes postos coa lista de reserva do apartado anterior.

O sistema selectivo constará de dúas fases: realización dunha proba práctica de salvamento e socorristmo acuático, cun tempo máximo de 3 minutos, e un baremo de méritos (titulación, formación e coñecemento do galego).

Na sesión desta mañá, entre outros asuntos, tamén se acordou outorgar licenza para reforma da soleira do pavillón deportivo e reforma de vestiarios no edificio destinado a pavillón deportivo, compartido polo IES Lucus Augusti e o IES Ollos Grandes, cun orzamento de 206.360 euros e un prazo de execución de doce meses. Tamén se outorgou licenza para reforma da cuberta e mellora da ventilación de varias estancias no IES Xoán Montes, cun orzamento de 223.370 euros e un prazo de execución de 12 meses; así como para rehabilitación enerxética no CEIP Luis Pimentel, cun orzamento de 377.176 euros e un prazo de execución tamén de 12 meses.

Audio

  • O edil Miguel Fernández sobre a xunta de goberno | Descargar mp3

Noticias relacionadas