A Xunta de Goberno aproba nomear director xeral de RRHH a Emilio Martínez Rivas, que tomará posesión a vindeira semana

Cunha longa e acreditada experiencia profesional de 27 anos, foi vicexerente de Recursos Humanos da Universidade de Vigo. Ata a súa incorporación ao Concello exerce como técnico superior de Xestión na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus de Lugo

O voceiro municipal subliñou que as súas prioridades serán impulsar a aprobación da nova RPT, a convocatoria das Ofertas de Emprego Público e a cobertura interina de postos

Mércores, 02 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores o nomeamento como director xeral de Recursos Humanos de Emilio Manuel Martínez Rivas, que se fará efectivo a vindeira semana coa súa toma de posesión. Martínez Rivas, de 53 anos e natural do concello coruñés de Riveira, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta cunha longa e acreditada experiencia profesional de 27 anos. Durante seis foi vicexerente de Recursos Humanos da Universidade de Vigo e na actualidade, ata a súa incorporación ao Concello de Lugo, exerce como técnico superior de Xestión na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus lucense.

Deste nomeamento informou hoxe en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, que subliñou ademais que as prioridades do novo director xeral de Recursos Humanos serán impulsar a aprobación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), a convocatoria e resolución das Ofertas Públicas de Emprego (OPEs) e a cobertura interina de postos vacantes, imprescindible para o bo funcionamento da Administración, así como todos os asuntos relacionados con persoal, isto é, entre outros, o proceso de funcionarización ou a posta en marcha do sistema de control horario. En definitiva, trátase de “gañar eficacia e eficiencia na xestión de persoal, o que repercutirá na mellora da prestación dos servizos á cidadanía”, indicou Fernández.

Contratos

Por outra banda, na Xunta de Goberno deste mércores, segundo informou o voceiro, aprobouse a delegación nos concelleiros do Goberno da competencia para a aprobación da contratación, dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, así como do gasto, nos casos de procedementos abertos simplificados, unha figura recollida na nova Lei de Contratos do Sector Público, que entrou en vigor o pasado 9 de marzo, e que é equivalente polo xeral aos antigos contratos menores, cun límite máximo de 80.000€ para obras e de 35.000€ para subministros e servizos. Esta delegación de funcións nos concelleiros servirá para axilizar os procedementos de contratación que teñan como máximo os devanditos importes.

Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou retirar a bonificación do 50% na cota do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) a catro empresas que pediron licencia no polígono industrial das Gándaras por incumprir o requisito de creación de emprego esixido polo Concello para conceder esta rebaixa tributaria. Noutros tres casos, ratificouse a concesión da devandita bonificación por terse acreditado o obxectivo requirido.

Audio

  • Miguel Fernández sobre o nomeamento de Emilio Manuel Martínez Rivas | Descargar mp3

Noticias relacionadas