A Xunta Local de Seguridade reuniuse para preparar e coordinar o dispositivo das festas de San Froilán

A Alcaldesa e o Subdelegado do Goberno copresidiron a xuntanza, na  que se acordou, como medida de reforzo da seguridade, utilizar os vehículos policiais para impedir o acceso a lugares de aglomeración

Luns, 18 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta Local de Seguridade reuniuse para preparar e coordinar o dispositivo das festas de San Froilán

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, copresidiron este luns, no Salón de Plenos do Concello, a Xunta Local de Seguridade que, como cada ano, se celebra antes das festas de San Froilán co fin de preparar e coordinar o dispositivo que garanta a seguridade e o normal desenvolvemento das patronais, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro.

A rexedora sinalou que, “aínda que a alerta de ameaza terrorista permanece dende xa hai anos no nivel 4 e que todos os anos abordamos o dispositivo de seguridade do San Froilán con total rigorosidade, é certo que todos estamos máis sensibles polos atentados ocorridos recentemente en Cataluña e faremos un reforzo da seguridade”. Neste senso, Méndez explicou que na Xunta Local de Seguridade acordouse utilizar os vehículos policiais como obstáculo para impedir o acceso de vehículos a gran velocidade nos lugares de maior aglomeración das festas –o recinto feiral e o casco histórico-, a medida considerada idónea “para facer posible a necesaria compatibilidade do acceso dos residentes e dos vehículos de emerxencias co fin de atender calquera incidencia con rapidez co reforzo da seguridade”.

En  canto á instalación na rúa de bolardos ou outro tipo de elementos de carácter permanente, a Alcaldesa ratificou que o Goberno está estudando este tipo de medidas nos puntos que poden resultar máis conflitivos, e sempre, indicou, “compatibilizándoas co acceso de residentes e vehículos de protección á comunidade”.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno anunciou o compromiso da Policía Nacional de colaborar coa Policía Local para garantir que os festexos discorran sen incidentes, así como para previr a comisión de posibles feitos delictivos. Neste senso, Ramón Carballo confirmou que a Policía Nacional reforzará a súa presenza nas rúas, especialmente nos días e eventos con maior afluencia de xente. O subdelegado do Goberno en Lugo, fixo un chamamento á tranquilidade da poboación da cidade de Lugo onde non existe ningún foco que faga pensar nun atentado yihadista. Ademais, a Garda Civil de Tráfico realizará controis nas principais vías de acceso á cidade.

Tras a Xunta Local de Seguridade desta mañá, os forzos e corpos de seguridade manterán varias mesas técnicas de traballo máis para definir polo miúdo o dispositivo.

Noticias relacionadas