47 artistas daranse cita na nova mostra multidisciplinar que acolle o MIHL

Carmen Basadre presentou este martes a exposición Xuntanza, que a partir de mañá reunirá 47 obras que “van dende o realismo máis minucioso á abstracción máis ousada, con referencias a todas as épocas e culturas”

Todos os interesados en participar no XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole poden presentar os seus traballos ata o 31 de decembro no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua

Martes, 03 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da exposición Xuntanza

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a delegada en Lugo da Asociación Española de Pintores e Escultores, Dolores Guerrero, presentaron este martes no Salón de Plenos do Concello a exposición Xuntanza. Trátase da nova mostra multidisciplinar que acollerá a partir de mañá e durante un mes o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), na que conflúen 47 obras doutros tantos artistas de toda España, que baixo as máis diversas técnicas e tendencias de arte contemporánea “van dende o realismo máis minucioso á abstracción máis ousada, con referencias a todas as épocas e culturas”, tal e como a describiu Basadre.

No acto de presentación, a Concelleira destacou que “o MIHL, sen deixar de ser un museo histórico, estase a converter nun centro de referencia para as artes contemporáneas”. Carmen Basadre fixo fincapé no feito de que “o mesmo espazo expositivo sexa capaz de acoller coa mesma naturalidade a obra de artistas descoñecidos, recoñecidos, laureados e emerxentes” ao tempo que facía fincapé en Lugo, como “nicho importantísimo” no eido da cultura, pois 26 artistas dos 47 que expoñen son lugueses.

Pola súa banda, Guerrero agradeceu a colaboración do Concello, que “co seu esforzo fai posible a difusión da arte e da cultura”.

XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole

Carmen Basadre deu a coñecer este martes as bases que regulan o XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo, a través da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua.

Poderán presentar traballos calquera autor ou autora de calquera nacionalidade ata o 31 de decembro. Presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara. Os traballos enviaranse ao departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. As obras presentadas, que poden consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100; deben ser orixinais e inéditas, escritas en lingua galega conforme á normativa oficial establecida pola Real Academia Galega. Cada autor poderá presentar cantas obras quixera.

Establécese un único premio de 4.000 euros. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia.

Máis info en www.lugo. gal

Audio

Máis info

  • Bases do XVIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole |Descargar pdf

Multimedia

  • A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a delegada en Lugo da Asociación Española de Pintores e Escultores, Dolores Guerrero

Noticias relacionadas