A alcaldesa de Lugo reivindica as conexións ferroviarias e viarias da cidade no Encontro do Noroeste cos empresarios

Neste foro público privado, Lara Méndez reivindicou á cidade, “que se está a posicionar como unha urbe á vangarda pero necesitada de infraestruturas para competir”.

Venres, 11 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo reivindica as conexións ferroviarias e viarias da cidade no Encontro do Noroeste cos empresarios

A alcaldesa de Lugo,  Lara Méndez, estivo presente esta maña no ‘Encontro do Noroeste’ en Santiago onde participaron as Confederacións Empresariais de Galicia, Asturias e Castela e León e representantes de entidades públicas e privadas, onde defendeu, unha vez máis, a necesidade de seguir impulsando as conexións ferroviarias e viarias de Lugo co resto de Galicia, coa meseta e con Europa “para que podamos ser competitivos tanto no tráfico de mercadorías como de pasaxeiros”.

A rexedora aplaude que o empresariado se implique na defensa das infraestruturas galegas “porque a unión entre as Administracións e os sectores económicos será clave para avanzar nas conexións do noso territorio, avances que tamén se están a reclamar desde a cidadanía”, sostivo, “e neste apoio, reivindicación e planificación sempre estarei como alcaldesa, defendendo os intereses da miña cidade xa que, a pesar dos fortes investimentos que se están a desenvolver nestes intres, necesitamos aceleralos, aproveitando os fondos europeos porque levamos anos de moito atraso pola inacción de Goberno anteriores”.

Neste escenario, Méndez destacou que Lugo se está a posicionar como unha urbe á vangarda, “pero necesitamos ese pulo ás infraestruturas para ser competitivos co resto dos territorios”.  Neste senso, lembrou a urxencia de acelerar a conectividade con Santiago, Coruña e Ourense, sen esquecer a importancia que terá que Lugo se inclúa no Corredor Atlántico de mercadorías Ferrol - Coruña – Betanzos – Lugo - Monforte, tendo en conta a creación dos nodos portuarios de A Coruña e Ferrol dos que o municipio e a súa actividade económica non poden quedar illados.

O ‘Encontro do Noroeste, encontro para a reactivación do noroeste; solucións conxuntas e desafíos comúns’ foi inaugurado polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia,  Juan Manuel Vieites, que leu a ‘Declaración de Santiago’, así como pola secretaria de Estado de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Prado de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo reivindica as conexións ferroviarias e viarias da cidade no Encontro do Noroeste cos empresarios

Noticias relacionadas