Amplíase o prazo de inscrición para as excursións á praia subvencionadas polo Concello

Os interesados aínda se poden apuntar no Centro de Convivencia de Fingoi, de 10:00 a 13:00 horas, ata completar todas as prazas, 55 por viaxe

Mércores, 22 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O prazo para inscribirse nas excursións á praia subvencionadas polo Concello amplíase ata completar todas as prazas, 55 por viaxe. Os interesados aínda se poden apuntar no Centro de Convivencia de Fingoi, de 10:00 a 13:00 horas.

Trátase de excursións, que terán lugar todos os mércores ata finais de agosto, dirixidas a toda a población, en especial ás familias, que ofrecen unha alternativa de lecer nos meses de verán. As viaxes están pensadas para que as persoas que non teñan a oportunidade de achegarse á praia poidan facelo de maneira máis económica, pois soamente deberán aboar 4,12 euros. O xantar é por conta dos participantes.

Arredor dunhas 90 persoas xa participaron nas dúas primeiras viaxes ás praias de Ribadeo e Coruña. A seguinte excursión programada será o vindeiro mércores, 29 de xullo á zona e ás praias de Ferrol. O 5 de agosto, os beneficiarios desprazaranse a Cariño; o 12 de agosto, a Viveiro; e finalmente, o 19 de agosto, a Foz. En caso de mal tempo, haberá unha alternativa de viaxe á vila ou á cidade máis próxima.
As viaxes arrancan ás 09:00 horas, dende diante do Centro de Convivencia de Fingoi, regresando a este mesmo punto ás 20:30 horas, aproximadamente; excepto a que ten como destino Ferrol, que será ás 21:30 horas.

Noticias relacionadas